Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva
Burela, 1 de febreiro, 2025. O vixente campión da Supercopa ante o vixente campión da Copa da Raíña disputaron ás 20.15h desta tarde, no pavillón Móstoles Sur Pau-4, a semifinal 2 da Supercopa de España 2025 cun resultado final 2-6 para o Torreblanca. Partido que se retransmitiu pola canle pública Teledeporte, do mesmo xeito que o resto da competición e que a semifinal 1, celebrada ás 16.30h, e no que o Futsi Atlético Navalcarnero pasou á final ante o Poio Pescamar FS, nun partido moi igualado cun resultado final 1-2 para o conxunto madrileño que xogará mañá a final fronte ao Melilla. Primeira parte complicada para o Burela e segunda máis igualada e intensa, con moitas ocasións para ambos equipos pero que só conseguiu facer efectivos o conxunto melillense, aínda que cun resultado máis avultado do que puido ser. Dous equipos moi parecidos que non cometen erros e que loitaron esta semifinal cunha demostración do mellor futsal feminino.
Sofre o Burela nesta primeira parte desde os primeiros minutos de xogo, recibindo dous goles ao comezo do encontro no que Amandinha sorprende á defensa mariñá tras un roubo a media pista no minuto 3 e Nega remata de cabeza un saque longo de Bia e supera a Caridad por arriba no 5. Tras estes minutos de baixón do Burela parece que comezan a recuperar a confianza xerando máis ocasións e reforzando unha defensa que non pode cometer ningún erro. Pide tempo morto Julio Delgado no minuto 11 coa pretensión de animar e tranquilizar ás súas pupilas con paciencia e empeño. Pero chega o terceiro no minuto 12 no que Juliana recolle un rexeite dun disparo de Bia Souza. Téntao Emilly no 15 e Dany Domingos pouco despois. Pero chega o cuarto, un gol de Jane a 5 minutos do descanso cunha boa combinación con Bia Souza nunha transición. Téntao o quinteto de Julio presionando con xogo de 5 con Cilene de porteira-xogadora e chega o primeiro das mariñás tras un roubo da veterana xogadora brasileira de camiseta negra no bordo da área rival e un disparo de Carolina Pedreira que fusila a portería rival. Continúa coa presión de 5 o técnico salmantino e sobe a intensidade nestes últimos minutos da primeira metade. Dúas revisións pedindo penalti que non se resolven a favor de ningún dos dous equipos e chega o quinto a dous segundos do descanso, un golazo de Bia Souza por toda a escuadra tras unha boa transición e asistencia de Amandinha.
Roza o pau da portería rival un trallazo de Emilly no minuto 1 da segunda parte. Revive o Burela FS con tres oportunidades nos 3 primeiros minutos, pero as boas intervencións de Bia e algún erro de puntería non conseguen recortar distancias. Dobre paradón de Bia no minuto 25, primeiro a un disparo potentísimo de Emilly e volve a frustar o rexeite que tenta aproveitar Cami. Téntao o Burela nesta segunda parte con moita insistencia, pero a férrea defensa melillense e unha extraordinaria Bia non permiten ás mariñás recortar o frustrante resultado. Presionan con porteira-xogadora as de Julio Delgado neste minuto 25 de xogo. Mantense o resultado durante os próximos minutos, dispara ao pau Antía Pérez no minuto 30 e continúan tentándoo pero o gol non chega. Complícaselle máis ás nosas Pícaras o partido no minuto 32, co sexto tanto do conxunto de Morenín, un bonito gol de Ana Luiza que recupera o balón na área rival e defínea a portería baleira nunha presión de 5 do Burela. Outro paradón de Bia no minuto 35 a un disparo potentísimo de Cami e outra ocasión clara para Burela un minuto despois que volve frustrar Bia da Silva ao remate de Cami Gadeia. Moitas ocasións para o Burela e moi boas intervencións da porteira brasileira que non permitiu achegarse ao marcador ao conxunto laranxa. Segunda amarela e expulsión para Amandinha a dous minutos do final do encontro. Continúa presionando o Burela con 5 xogadoras e unha vantaxe de dúas xogadoras na área rival, cun Melilla que se mantén con 3 xogadores de pista. Outro paradón máis de Bía no 39 a un disparo de Antía Pérez que puido ser o terceiro e a lanza ao traveseiro Patricia segundos despois. Sexta falta do Burela a 2 décimas do final do partido e saque de falta a 10m que lanza Ana Luiza ao pau.
O Burela non optará á Supercopa de España nesta ocasión, tras conseguir 5 títulos consecutivos nesta competición nos últimos anos. Mañá celebrarase a final ás 20.00h cun partidazo que tamén poderemos ver en Teledeporte, entre o noso clásico rival, o Futsi Atlético Navalcarnero e o Melilla CD Torreblanca, ao que felicitamos pola merecida vitoria e o gran partido que xogaron esta tarde.
Ficha Técnica Burela FS 2-6 Melilla CD Torreblanca
CD Burela FS (2): Caridad; Dany, Dinha, Antía Pérez, Emilly -quinteto inicial-, Antía Pérez, Noelia Montoro, Patricia, Carolina Pedreira, Cilene. Entrenador: Julio Delgado.
Melilla CD Torreblanca (6): Bia; Ana Luiza, Amandinha, Juliana, Bia Souza -quinteto inicial-, Jane, Nega, Silvina, Jheniff, Lydia. Entrenador: Gonzalo Iglesias “Morenín”
Goles: 0-1, min.3: Amandinha. 0-2, min.5: Nega. 0-3, min.12: Juliana. 0-4, min.15: Jane. 1-4, min.18: Carolina Pedreira. 1-5, min.20: Bia Souza. 1-6, min.32: Ana Luiza. 2-6, min.37: Dany.
Árbitros: Marta Garvalena Crespo, Tiare Belén Valencia Olivares, Davinia Dorta Figueroa, Sara Escoda Balagueró, Alba Villegas Ocaña.
TA: Bia da Silva, Amandinha (AA), Juliana y Bia Souza en el Torreblanca y Carolina Pedreira, Antía Pérez, Dany y Julio Delgado en el CD Burela FS.
TR: Amandinha (doble amarilla)