Móstoles, 31 de xaneiro de 2025. A Alcaldesa de Burela, Carmela López, acompaña hoxe ao Burela FS en Móstoles con motivo da Su7ercopa de España de Fútbol Sala Feminino, reforzando o compromiso e apoio do Concello a un equipo que leva o nome da vila ao máis alto do deporte nacional e internacional.
As Guerreiras Laranxas buscan a súa sétima Supercopa, consolidando a súa historia de éxito e facendo que Burela siga sendo referente no deporte de elite. “Estar aquí hoxe é máis que apoiar a un equipo, é representar o orgullo de todo un pobo que se sinte identificado cos valores de traballo e esforzo que encarnan estas xogadoras. Ademais, é unha alegría ver que ata aquí se desprazaron veciños e veciñas de Burela para animar ao equipo, demostrando que a nosa afección é incondicional e parte fundamental desta familia laranxa”, destacou a Alcaldesa antes do partido.
O Concello de Burela reafirma así o seu compromiso co deporte feminino e con iniciativas que proxectan o nome da vila a nivel nacional e internacional. Sexa cal sexa o resultado, as Guerreiras Laranxas xa son campioas para Burela.