O portavoz, Manuel Rouco, explica que “está a modificar o orzamento aprobado a mediados do ano anterior cunha cantidade que alcanza un desfase do 8% con respecto ao orzamento orixinal: unha barbaridade”
Burela, 1 de febreiro de 2025. O Grupo Municipal Popular de Burela denuncia a “incapacidade máis absoluta do goberno local encabezado pola señora López Moreno para completar a execución orzamentaria nun orzamento, por certo, aprobado a mediados de ano”.
“A súa incapacidade maniféstase á hora de ter que botar man de remanentes xa a comezos deste ano: preto de 650.000 euros para acabar de executar as obras que non se remataron no ano anterior. Falamos dun desfase do 8% con respecto ao orzamento orixinal: unha auténtica barbaridade”, valoran dende o Partido Popular.
O portavoz, Manuel Rouco, subliñou que “segundo os datos aportados nos decretos de alcaldía, a desviación que hai desde as previsións iniciais feitas pola alcaldesa nos seus orzamentos de mediados do 2024 e o aporte económico final de determinadas partidas, o desfase é enorme”.
Os populares xa advertiran no seu día que “nos sorprendía que había partidas con só 100 ou 1.000 euros. Eran anormalmente escasas”. Agora esas partidas foron modificadas para incrementarse ata 27.000 euros, 30.000 euros ou 54.000 euros”.
Rouco subliña que “a pesar de que sexa a deputada da área de Economía na Deputación de Lugo, parece que non aprendeu gran cousa. Sempre se encheu a boca explicando aos demais como se facía un orzamento e como se calculaban as previsións; pero, finalmente, demostra a incapacidade total e absoluta para a xestión orzamentaria”.
TINTES DITATORIAIS
Os populares tamén afean “os tintes ditatoriais da señora López Moreno á hora de dirixir os plenos” que definen o seu estilo á hora de dirixir o Concello de Burela: “o rodillo absoluto tratando de aplastar a todos os que non pensan coma ela. O clásico: ou estas comigo ou estás contra min”.
O portavoz explica que “no momento no que se viu acurralada cambiou a dinámica do pleno que ela mesma estableceu a principios de mandato segundo informou no primeiro pleno. Novamente sen consultar aos voceiros da oposición. Durante o propio pleno decidiu cambiar a marcha e a orde á hora de debater os puntos da convocatoria do pleno”.
“Este estilo ditatorial e a forma torticeira de empregar as institucións de forma partidista recórdanos ao que está a suceder en Madrid co señor Sánchez. Parece que en Burela ten unha alumna avantaxada neste sentido”, rematan.