O responsable autonómico realiza unha visita ás instalacións da empresa Galimar onde destaca a importancia de comercializar o peixe e marisco galegos máis alá das fronteiras da comunidade
Lugo, 31 de xaneiro de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, realizou unha visita ás instalacións da empresa Galmar na capital lucense onde puxo en valor os apoios autonómicos á comercialización é promoción do consumo dos produtos pesqueiros galegos. Así, destacou que no vindeiro mes de maio esta previsto que comece unha nova acción que se prolongará ata o 2027 que difundirá a calidade do peixe e mariscos da comunidade a través da rotulación de un centenar de vehículos de transporte por estrada que se desprazarán por todo o territorio nacional na que a Xunta investirá 1,6 M€.
O titular de Mar, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou a campaña GALICIA SABE AMAR entre outras das principais actuacións do Goberno galego no ámbito da promoción do consumo entre a cidadanía. Unha liña de traballo que redunda en beneficio de empresas galegas como Galmar así como do conxunto da cadea mar-industria nun contexto complexo marcado polo descenso do consumo destes alimentos.
Nesta liña, lamentou que o Goberno central no comparta ese compromiso de apoio que ten Galicia co sector e que, lonxe de apostar por esta actividade estratéxica para a economía, do que dependen ao redor de 50 mil empregos e que xoga un papel crucial na seguridade alimentaria de toda Europa, engade máis atrancos. Entre estes obstáculos ao reforzo da pesca galega enumerou a reiterada negativa a rebaixar o IVE aos seus produtos, a nula promoción do consumo do peixe, o marisco e as conservas, como demanda o propio sector, ou a proposta de reducir a presenza destes alimentos nos comedores escolares.
Neste punto, recordou que as familias vulnerables só poden acceder a estes alimentos a través deste tipo de servizos nos centros educativos o que repercute positivamente na súa saúde e benestar dadas as súas propiedades nutricionais excepcionais que permiten previr doenzas como avalan organismos científicos oficiais e institucións como a OMS ou AESAN.
Galmar
A empresa Galmar está dedicada á produción, comercialización e importación fundamentalmente de cefalópodos, sendo o produto estrela o polbo. Alfonso Villares puido coñecer da man dos responsables da empresa a súa aposta pola calidade e pola variedade de produto co obxectivo de satisfacer todas as canles como a hostalaría ou supermercados. Ademais, realizan venda ao por maior, cocedoiros, factorías ou outros distribuidores. Esta compañía opera en todo o mercado nacional e en países como Italia, Países Baixos, Francia, Portugal ou Xapón.