Os seres humanos somos sociais. De feito, temos convertido a sociedade nun piar fundamental dos que son baseamento da nosa vida, e somos conscientes de que a desaparición da sociedade causaría que o noso estilo de vida fose de novo semellante ó de calquera outro animal, retrotraéndonos milleiros e milleiros de anos na nosa evolución.
A sociedade é unha asociación. De feito, son sinónimos. Iso, aínda que ás veces o noso comportamento pareza ter esquecido que a sociedade necesita mantemento por parte dos socios, como calquera asociación por parte dos asociados.
No parque infantil no centro de Ribadeo había -poderíase dicir que segue a habela- unha casetiña con libros, a modo de biblioteca libre para os pequenos. No seu momento, considereino unha grande idea, e visto o uso que se lle comezou a dar por parte dos usuarios do parque, parece que non fun o único en consideralo así. Mais pouco a pouco, o descoido primeiro, e logo o maltrato desa humilde instalación, deixou a caseta sen porta, sen libros e sen vida. Pola súa construción, podería ter durado sen mantemento abondo tempo máis, pero vese que o pulo na súa construción polas autoridades deseguido se converteu en esquecemento, e aínda que o uso continuou a ser frecuente ata o total deterioro, tamén é evidente que houbo persoas que non consideraron que unha instalación así había que coidala, e que máis ben fixeron o contrario. Non é necesario que sexa moita xente, abonda con moi pouca para botar en baixo servizos dos que nos beneficiamos todos e dos que esquecemos que hai que manter entre todos, non só ‘as autoridades’ ou ‘as institucións’.
Manter entre todos significa poñer vontade e actuar en consecuencia. Non só en cartos a través dos impostos, que tamén, senón no coidado e defensa do que é de todos. Se se esquece iso, uns polos outros irémonos levando por diante a sociedade, anaco a anaco. E, no camiño, a nós mesmos, ó que somos. Pode que aínda pensemos nese proceso cara ó individualismo como un ‘ser máis nós’, esquecendo tanto aquela frase célebre de que somos o que somos en boa parte grazas ó noso entorno (‘yo soy yo y mi circunstancia’) como as múltiples manifestacións na vida diaria da nosa interdependencia dende o nacemento ate despois da morte.
As veces, fálase da ‘traxedia dos comúns’ como se o común estivera destinado a ser peor solución que o mercado, diñeiro e finanzas, como se o común estivera destinado ó maltrato. Esquécese nesa situación que o común ten sido tradicionalmente unha fonte de vida e riqueza para a comunidade ó seu arredor. E está demostrado que só cando hai inxerencias externas, cando o común se deixa en mans alleas e pasa a ser controlado dende fóra, por quen ten outros intereses non baseados na comunidade, remata sendo destruído, con prexuízo para todos os implicados. O último exemplo disto? Aí temos as redes sociais privativas. E do outro? O maior pao ás empresas e dominación dos EUA en intelixencia artificial remata de ser dado pola apertura de código dunha IA china, na procura de formar unha comunidade ó seu arredor.
E mentres, a pequena biblioteca no parque de Ribadeo?