A área de Rural apoia a actividade do Colexio Oficial de Enxeñería Agrícola de Lugo cunha achega de 5.000 euros orientada á formación
Lugo, 31 de xaneiro de 2025. O deputado de Rural Daniel García participou este venres nun encontro de traballo organizado polo Colexio Oficial de Enxeñería Agrícola de Lugo na Escola Politécnica Superior de Enxeñería co gallo da visita a Lugo do Consello Xeral de Enxeñería Agrícola de España. Na reunión, convocada baixo o lema “Coidando da terra, coidamos da xente”, os participantes remarcaron a importancia da enxeñería agrícola para despregar todo a potencialidade da provincia e visualizar o papel central do campo para a sociedade no seu conxunto.
Nesa liña, o deputado de Rural destacou a relación de colaboración tecido ao longo destes anos co colexio profesional, que conta cunha subvención nominativa anual de 5.000 euros para financiar actividades de formación. “Parécenos fundamental que o colectivo profesional agrario conte con recursos para acompañar e asesorar ao sector agrogandeiro nun momento en que temos que dar resposta a cuestións do día a día como a complexidade dos procedementos burocraticos e tamén desafíos estruturais como o cambio climático,a crise enerxética ou as mudanzas nas relacións comerciais a nivel global”, explicou o responsable provincial.
Daniel García aproveitou a ocasión para recoñecer e agradecer o forte compromiso da directiva do Colexio e do seu presidente Marcos Vázquez, que dan a remuda a unha nova equipo á fronte da entidade, lembrando os programas e iniciativas da área de Rural nos que colaboraron como o programa de formación rural Da Escola á Granxa ou a organización da mostra gandeira do San Froilán ExpoLugo A Rural.