Foz, 31 de xaneiro de 2025. AciaFozCCA sortea 500 euros en vales de compra na campaña de San Valentín, que se desenvolve do 1 ao 14 de febreiro.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, explica que “na campaña de San Valentín poden participar todas as persoas que realicen compras por importes superiores a 10 euros do 1 ao 14 de febreiro. Nas tendas recibirán os boletos para o sorteo, que terá lugar o 17 de febreiro a través de Radio Foz”. E engade: “imos poñer en xogo 5 vales de compra por importe de 100 euros cada un, para animar as vindeiras semanas nos negocios de Foz”. Os números premiados serán publicados nas redes sociais de AciaFozCCA e na páxina web: www.aciafozcca.com
Paleo anima “a facer as compras destas datas no comercio local, onde atoparemos todo o que precisamos para sorprender ás nosas parellas. Ademais poderemos celebralo tamén na hostalería local, onde nos agardan interesantes propostas para San Valentín”.
Na presentación da campaña de San Valentín participaron o alcalde, Fran Cajoto, a concelleira de Comercio, Kathy Navarro, o presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, así coma directivos da asociación empresarial focense e empresarios locais. Tamén foi presentada a cartelería decorativa Isto é Foz, aquí hai Carnaval, foron entregados os premios aos gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal e deuse a coñecer a nova colaboración de AciaFozCCA coa Asociación de Loita contra o Cancro, que consistirá no reparto de lazos para os traballadores dos comercios “co obxectivo de darlle visibilidade á causa e axudar a combater a enfermidade”. Os negocios adheridos a esta campaña lucirán globos verdes, que lles foron entregados por AciaFozCCa.
AciaFozCCA conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Foz para a organización destas actividades e campañas.