Ribadeo, 29 de xaneiro, 2025. O BNG explica que: “Por moito que Daniel Vega se empeñe en crear realidades paralelas nas que fai pasar por verdade as súas trolas xigantescas, a Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo aumenta a asignación para o Ribadeo Indiano a través dun convenio de colaboración asinado con ACISA. Esta organización ribadense, de longa tradición e capacidade de traballo e xestión demostrada ao longo dos anos, vai poder continuar desenvolvendo o seu traballo a prol do Ribadeo Indiano”.
“Ante este feito, a continuidade desta achega para o Indiano, semella que o alcalde de Ribadeo só quere axudas se protagoniza el a foto. Pouco lle importa ao goberno municipal do PP que ascenda a 23.000€ a achega da Deputación. Nun ataque de celos, Daniel Vega é quen de poñer en perigo tal achega con tal de intentar desacreditar o labor do BNG, aínda que sexa cuestionando o bo facer de organizacións como ACISA”.
“Pouco lembra o PP de Ribadeo cando o goberno da Xunta negaba sistematicamente axudas á festa Indiana (e a tantas outras cousas). Non escoitabamos naqueles tempos ningunha queixa por parte do actual alcalde. Pero agora, sobreactúa laiándose porque non vai ser el o protagonista”.
“Ante o incumprimento reiterado, por parte do actual goberno municipal, dos seus compromisos, a Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo optou por conveniar con ACISA esta axuda ao Indiano para así poder seguir garantindo a aposta do ente provincial pola nosa festa indiana”.