O grupo municipal do BNG presenta iniciativas en relación coa normalización da linga galega e en torno á figura de Castelao
Burela, 29 de xaneiro, 2025. Este xoves celébrase pleno ordinario no concello de Burela e o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presenta dúas mocións vinculadas co idioma e a cultura galega. Na primeira delas busca a adhesión do Concello de Burela á plataforma Queremos Galego ademais de seguir reafirmándose na defensa da nosa lingua. E noutra pídese apoiar a declaración do ano 2025 como Ano Castelao e solicítase á Xunta de Galicia recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galiza e o Consello de Galiza como primeiro goberno galego da época contemporánea, non só é un acto de memoria, senón un paso firme cara a facer realidade os valores que el defendeu: a nosa lingua, a nosa cultura e o noso dereito a decidir como pobo.
Segundo o voceiro nacionalista, Mario Pillado “o obxectivo non é outro que poñer en valor o noso idioma e a nosa cultura, ante as ineficaces políticas da Xunta de Galicia. Por iso cremos que, a pesar das cifras que amosa a propia administración autonómica, sen ofrecer absolutamente ningunha viraxe nas súas políticas, o noso traballo debe ser de por en valor o idioma e a cultura en tódolos contextos, sobre todo naqueles nos que podemos chegar de forma mais eficaz á mocidade, ós neofalantes e á xente que falou toda a vida o galego e que precisan sentirse privilexiados por iso”.
Burela é un referente na defensa e na promoción do idioma galego e da cultura galega
Pillado quer destacar que “en Burela temos figuras a nivel musical, literario e artístico en xeral que levan o galego por bandeira, que nos colocan no mapa e o fan con todo o orgullo. Poderíamos dicir, por exemplo, que o galego non pode ser o ben prezado que significa a auga na novela de Antía Yáñez “Be Water” ou que debemos deixar de pensar no elefante rosa que supón a situación do galego. Ou, como cantaría Nuno Pico de Grande Amore, temos que deixar atrás esta pena que a veces temos e dar a Pelea, posto que o pobo galego non foi tan malo, por iso ben sabe dios que imos intentar dar a volta ás cifras para reverter a tendencia”.
Para finalizar Mario Pillado indica que “en moitos ámbitos da arte como a música ou a literatura, o galego está cada vez mais presente por iso queremos facerlle ver a veciñanza, sobre todo á mocidade, que o galego é un idioma con futuro e para iso temos un papel fundamental dende as administracións públicas”.