Os deputados populares defenderán esta moción “á vista das reiteradas queixas de alcaldes” polo que consideran preciso facilitar un procedemento xusto, público e transparente para a posta a disposición dos medios cos que se conta no parque móbil provincial, especialmente a todos os municipios cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes
Lugo, 22 de xaneiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno deste mes unha iniciativa para que a Deputación de Lugo convoque, no prazo máximo dun mes, unha mesa de traballo, coa participación de todos os grupos, para que o Goberno provincial poida coordinar o traballo dos distintos equipos do Parque móbil provincial, tendo en conta as conclusións da citada mesa.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, ve fundamental analizar os concellos cos que colaborou a Deputación de Lugo no arranxo e mantemento da rede viaria nos últimos catro anos; elaborar un informe de necesidades por municipios, dando prioridade ás máis urxentes por motivos de seguridade ou por menor presencia ou colaboración dos equipos do parque móbil nos últimos anos; así como convocar esta mesa de traballo cada tres meses.
Antonio Ameijide fai esta petición tras ver como “son moitos os alcaldes da provincia que se queixan da falta de colaboración do goberno provincial para facilitar os medios do parque móbil para que cada municipio poida efectuar traballos de mellora e mantemento das vías municipais”.
Os deputados populares ven fundamental poñer a disposición de todos os municipios da provincia os medios existentes no parque móbil provincial en base a criterios obxectivos e igualitarios, con total transparencia e publicidade, “para que á hora de programar o traballo do parque móbil teñan preferencia aqueles municipios nos que nunca se actuara ou se fixera na data máis afastada dende a súa posta en marcha, ou por motivos de urxencia e necesidade debidamente acreditados”.
“Á vista das reiteradas queixas de moitos alcaldes, é preciso facilitar un procedemento xusto, público e transparente para a posta a disposición dos medios cos que se conta no parque móbil provincial especialmente a todos os municipios cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes, xa que a optimización dos recursos pasa, entre outras medidas, pola coordinación e polo necesario entendemento entre administracións”, sinalaron.
Tendo en conta esta falta de planificación e o descoñecemento dos criterios de distribución, “é necesario que a entidade provincial, en beneficio do interese xeral de todos os veciños da provincia, actúe de xeito transparente á hora de asistir aos concellos da provincia para arranxar incidencias nas estradas municipais, fundamentalmente no que respecta á reparación do asfaltado e aos traballos de limpeza das vías”.