A súa voceira, Alba Sinde, explica que non se dispuxo de calefacción porque se esgotou o gas e que o centro médico leva máis dunha semana sen auga quente, “algo intolerable, ao Alcalde fáltalle previsión e capacidade para solucionar os problemas”
Castro de Rei, 22 de xaneiro de 2025. O grupo municipal socialista de Castro de Rei denuncia “dous feitos gravísimos” que poñen de manifesto a falta de previsión e xestión do Alcalde. A súa voceira, Alba Sinde, considera “intolerable que non se dotara a tempo de gas a gardería municipal e que non se solucionara a falta de auga quente no centro de saúde”.
Os socialistas explican que a gardería municipal viuse afectada pola falta de calefacción debido a un atraso na subministración do gas. Esta situación deixou aos nenos e nenas do centro sen a temperatura adecuada en pleno mes de xaneiro, un feito inaceptable que pon en risco o seu benestar e saúde. “Estamos falando de bebés moi pequenos, que precisan de calefacción, non pode chegar un día que por falta de gas non haxa calefacción, é algo que non pode acontecer”, afirma.
Por outra banda, alertan de que o centro de saúde do municipio leva dende, polo menos, a semana pasada sen auga quente, dificultando o normal funcionamento das instalacións e comprometendo a calidade da atención sanitaria que reciben os veciños e veciñas de Castro de Rei.
Desde o Grupo Socialista esixen que o goberno municipal adopte medidas inmediatas para solucionar estas deficiencias. “É urxente garantir que o centro de saúde recupere a subministración de auga quente e que a gardería municipal dispoña dunha calefacción operativa en todo momento. Non hai escusas para unha xestión tan deficiente, especialmente cando está en xogo a calidade de vida e a seguridade dos nosos veciños e veciñas,” subliñou Sinde.
A Agrupación Socialista fai un chamamento á responsabilidade e á transparencia, demandando unha explicación pública por parte do Alcalde sobre as causas destas incidencias e as medidas que se van adoptar para evitar que se repitan no futuro.
“Castro de Rei merece un goberno que estea á altura das necesidades da súa veciñanza, que actúe con previsión e que resolva os problemas con dilixencia. Desde o Grupo Socialista seguiremos traballando e denunciando todas aquelas situacións que supoñan unha merma nos servizos públicos que se ofrecen aos nosos cidadáns”, concluíu Alba Sinde.