O lider socialista mostrou a súa ledicia por que a Xunta “se implique, por fin, na continuidade da planta” e reclamoulle que axilice os parques que son da súa competencia e lle van proporcionar subministración eléctrica ás instalacións de San Cibrao
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2025. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe que os socialistas ven “con esperanza” o memorando de entendemento sobre o futuro de Alcoa na Mariña, que esta mañá asinaron o Ministerio de Industria e Turismo, a Xunta de Galicia, a propia Alcoa e Ignis. “É unha boa nova, e alegrámonos tamén de que a Xunta se implique, por fin, na continuidade da planta”, dixo o líder socialista logo de que se fixera público ese novo paso no camiño para a permanencia da factoría de San Cibrao.
Con todo, Besteiro asegurou que desde o PSdeG se seguirá traballando “polo mantemento da industria e do emprego na Mariña”, e farase “no marco dos acordos que sempre defendemos os socialistas”, afirmou. Nese senso, foi contundente: “Seremos moi esixentes no cumprimento deses acordos por todas as partes”.
En canto ao incremento da partida orzamentaria destinada ás axudas ás emisións de CO2, o secretario xeral valorou “o esforzo do Goberno”, que elevou eses fondos ata os 600 millóns de euros. Ao tempo, pediulle “celeridade” nas autorizacións de proxectos de renovables vinculados a Alcoa, tal como figura no memorando e que adiantará a posibilidade de dispor de enerxía a prezos máis competitivos.
No mesmo plano, reclamoulle á Xunta igual empeño na axilización dos trámites para levantar os parques eólicos que son de competencia autonómica e que lle van dar subministración eléctrica á planta de San Cibrao.