Viveiro, 21 de xaneiro de 2025. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro lembra a prohibición de depositar residuos fóra dos puntos estipulados para tal fin. Faino logo de limpar da parcela das Nogueiras, na que empresas e particulares estiveron depositando todo tipo de restos e enseres.
Dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Medio Ambiente subliñan que a veciñanza ten a obriga de empregar o renovado Punto Limpo do municipio, situado en Patarroa-Escourido, para evitar este tipo de situacións.
“O das Nogueiras é un sitio donde a xente, dende particulares a empresas, estaba a deixar de todo, tanto restos de poda, como palés ou electrodomésticos”, lamenta a tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez.
A tamén responsable da área de Medio Ambiente sinala que “a ordenanza é clara nestas situacións, a xente ten que ir ao punto limpo e as empresas xestionar os seus propios residuos que derivan da súa actividade mediante un xestor”.
“Agora, a parcela das Nogueiras xa está limpa, e pedimos a colaboración da veciñanza de Viveiro para garantir que así siga, evitando os prexuízos medioambientais e estéticos derivados da situación anterior”, engade.
A nova ordenanza de Convivencia, Limpeza e Residuos contempla sancións leves de entre 50€ e 750€, graves de entre 751€ e 1.500€ e moi graves de entre 1.501€ e 3.000€ dependendo da severidade da infracción.
O Punto Limpo de Patarrosa-Escourido funciona no seguinte horario: luns de 08:00 a 14:00 e de 15:00 a 19:00, os martes e xoves de 09:00 a 13:00 e de 15:00 a 19:00, os mércores e venres de 8:00 a 14:00 e os sábados de 10:00 a 13:00, estando pechado o cuarto sábado de cada mes.
Ademais, o Concello conta cun servizo de recollida a domicilio de residuos voluminosos como mobles, electrodomésticos e ata restos de poda de gran volume. Só é necesario solicitar a recollida chamando ao número de teléfono 697 162 637.