Viveiro, 17 de xaneiro de 2025. Desde o pasado mes de novembro de 2024, o microbús con prazas adaptadas para usuarias con cadeira de rodas que traslada ás persoas que padecen alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas, desde o seu domicilio ata o Centro de Día de Celeiro (Viveiro), xestionado pola Cruz Vermella, está avariado.
O vehículo foi substituído por outro que non cumpre as mínimas medidas de seguridade para prestar un servizo público desde os distintos concellos da comarca da Mariña Occidental e Burela e que, para cubrir a dispersión poboacional, percorre uns 200 quilómetros diarios.
Este medio de transporte sufriu en varias ocasións avarías, tendo que facer o servizo de recollida familiares das usuarias e usuarios.
De ser sometida a unha inspección para verificar se cumpre as normas de seguridade, o resultado da mesma non será satisfactorio dado que a simple vista se detectan dous fallos graves:
– A ventá lateral traseira ten o cristal roto, suxeito con cinta.
– As persoas usuarias deben acceder por unha porta lateral que non conta cun chanzo e, no interior, as suxeicións das cadeiras de rodas representan obstáculos insalvables para persoas con grandes problemas de mobilidade.
“Confiamos que desde a dirección do Centro realicen as xestións oportunas para o restablecemento do servizo á maior brevidade posible, cun vehículo que reúna as condicións axeitadas e non haxa que lamentar algún tipo de accidente entre os usuarios e as usuarias do mesmo”.