Viveiro, 17 de xaneiro de 2025. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, consideran “incomprensible e contraria aos intereses da veciñanza” a decisión de Partido Popular e Por Viveiro de votar en contra da modificación da RPT que se debatiu no último pleno.
Na modificación recóllese a creación de tres novos postos de traballo: un limpador/a para o CEIP de Celeiro, un psicólogo/a para o CIM e un posto de Inspector-Xefe da Policía Local.
“A Lei de Coordinación da Policía Local de Galicia esixe contar co posto de Inspector, xa existente na RPT, e establece a cobertura da xefatura mediante libre designación, polo que coa creación do posto de Inspector Xefe con funcións de xefatura, dase cumprimento á lei e permítese que o nomeamento e cese da xefatura da Policía Local sexa por libre designación”, explicou a alcaldesa no pleno.
Actualmente, as funcións de Xefatura da Policía Local están asignadas ao posto de Inspector existente. Coa creación do posto de Inspector Xefe, as funcións de xefatura corresponderían a este novo posto.
“É unha modificación avalada por todos os informes xurídicos, polo xefe de Persoal e a mesa xeral de negociación sindical, así como polas consultas realizadas á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior de Galicia e o catedrático da Universidade de Vigo redactor da RPT vixente”, engade Loureiro, “un procedemento independente da situación da Policía Local de Viveiro pero que aporta solucións á mesma”.
“PP e Por Viveiro piden ter acceso ao expediente de información reservada aberto ao respecto da Policía Local, algo que a normativa non permite e pode provocar a indefensión das partes, tal e como sinalou na consulta realizada a empresa encargada da Protección de Datos a nivel municipal”, aclara Míriam Bermúdez: “O documento de tramitación é confidencial, unha información de carácter reservado”.
O grupo de goberno descoñece “as intencións de PP e Por Viveiro; pedían unha solución e cando a temos, avalada por todos os informes, paralízana”.
“Os portavoces da oposición escoitaron a explicación por parte dos técnicos nas comisións e saben que esta modificación puntual cumpre coa lei e aporta solucións”, apunta o goberno local.
“É unha actuación paralela a calquera outro tipo de expediente que derive do expediente de información reservada, e todos os grupos municipais contaban antes do pleno coa información necesaria con todos os informes da modificación da RPT”, rematan.