Así o denunciou hoxe o Voceiro Socialista, Pablo Díaz, quen subliña que levan dende de decembro sen pediatra, o que está xerando unha gran preocupación e malestar nas familias do municipio
Abadín, 13 de xaneiro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Abadín esixe á Xunta de Galicia que actúe de forma inmediata para restablecer o servizo de pediatría no centro de saúde do municipio, que se atopa sen pediatra desde o mes de decembro. A situación está a xerar un profundo malestar entre as familias, que ven como a atención sanitaria dos seus fillos e fillas queda desatendida.
O seu Voceiro, Pablo Díaz, denuncia que, segundo o persoal do propio centro de saúde, este mes de xaneiro non haberá pediatra dispoñible e que a previsión para febreiro tampouco é alentadora. “Estamos a falar dunha situación insostible que deixa as familias de Abadín nunha posición de total indefensión, obrigándoas a desprazarse a outros municipios para acceder a un servizo fundamental como é o pediátrico”, sinalou.
O malestar entre as familias non deixa de medrar, xa que esta situación, ademais de supor un trastorno importante na súa vida diaria, pon en risco a saúde dos nenos e nenas do municipio. “As familias están preocupadas, enfadadas e séntense abandonadas pola Xunta, quen ten a responsabilidade de garantir unha atención sanitaria digna para todos, independentemente de onde vivan”, afirmou Pablo Díaz.
Ademais, os socialistas alertan de que esta carencia sobrecarga o persoal médico do centro de saúde, que debe asumir tarefas para as que non está especializado, empeorando a calidade asistencial global. “A Xunta debe tomar medidas urxentes para dotar o centro de saúde de Abadín dun servizo de pediatría estable e adaptado ás necesidades da nosa poboación”, reclamou o voceiro socialista.
O PSdeG-PSOE de Abadín considera esta situación unha mostra máis do abandono ao que o Goberno galego somete aos municipios rurais, e comprométese a seguir traballando para que as demandas da veciñanza sexan atendidas e para que se garanta o dereito á saúde no municipio.