Os discípulos de David Rial volveron asinar outro partidazo e secaron case por completo á gran revelación da tempada na Primera masculina, que estaba invicta como local
Burela, 11 de xaneiro, 2025. O Burela FS desbancou ao líder da Primeira División masculina cun auténtico partidazo en Peñíscola que lle serviu para sumar a súa terceira vitoria consecutiva a domicilio. Os mariñaos volveron gañar a base de garra, loita e de baleirarse fisicamente por completo, pero tamén sabendo executar á perfección o plan de partido trazado por David Rial. Dixera o técnico compostelán na previa que ao seu equipo beneficiaríalle un resultado curto e os seus discípulos foron capaces de secar a un Servigroup Peñíscola que acudía á cita como segundo máximo goleador da categoría e que acumulaba unha media de 5’4 goles por partido diante do seu público. Este sábado quedaron nun só tanto e, ademais, perdían o seu primeiro partido da tempada como tola.
Os Pícaros realizaron unha primeira parte perfecta. Limitaron moitísimo o caudal ofensivo dos castellonencos e crearon perigo ao contragolpe, aínda que o xusto premio ao seu encomiable esforzo non chegou en forma de goles ata o tramo final. Avisou xa nos primeiros segundos Pitero, cun disparo seco e abaixo desde a frontal que se foi por moi pouco. A resposta do líder chegou dous minutos máis tarde, nun lanzamento afastado e potente de Pani ante o que apareceu por primeira vez Kaluza para despexar. Na seguinte acción, nun libre indirecto, era Araya o que disparaba e se atopaba co corpo de Gus.
O partido tiña un ritmo trepidante e no minuto 5 estaba a piques de chegar o primeiro dos laranxas. Juninho íase con calidade de Pani polo á dereita, pero a picadiña do brasileiro ante Gus atopábase co corpo do meta toledano. Tras este primeiro tramo con mellores ocasións para os visitantes chegaban dúas boas oportunidades para os locais. A primeira nos pés de Gauna, que se atopaba co corpo dun Kaluza que achicaba moi ben tras un libre indirecto. A segunda foi un remate ao pau de Diego Quintela, no que ao cabo significaría a mellor ocasión no primeiro período do ata onte líder.
Xusto no ecuador desta entrega inicial, Kaluza animábase a subir ao ataque e o seu lanzamento era despexado con apuros por Gus, que deixaba o balón morto na área e volvía intervir ante un remate de Pitero. Despois era o cancerbeiro toledano o que rebasaba a medular para realizar un disparo que se ía demasiado cruzado. Respondía rápido Charly cun disparo seco e abaixo ante o que metía unha boa man o toledano.
Os Pícaros estaban moi cómodos defendéndose con moito criterio e saíndo con perigo á contra, ante un Peñíscola ao que, ao contrario que o resto da tempada, custáballe crear ocasións de perigo sobre a meta de Kaluza. A cinco minutos do descanso, unha falta desde uns 13 metros botada por Quelle era desviada con moitos apuros por Gus. De novo o canteirán sería protagonista segundos máis tarde, ao recuperar un balón en campo propio, conducir ata as inmediacións da meta peñiscolana e rematar ante Gus, que desviaba en primeira instancia e logo era Yeray o que enviaba o balón a córner.
Os discípulos de David Rial estaban a ser superiores neste tramo final de primeiro período e, logo de dúas intervencións de Kaluza ante Gauna e Juanico, chegaban os dous tantos. O primeiro foi obra de Alberto a minuto e medio do intervalo. O santiagués remataba un balón dentro da área e un leve toque de Gauna servía para despistar a Gus e que o porteiro non puidese evitar o tanto. O segundo, case sobre a bucina, era materializado por Rikelme. Alberto, que tivera segundos antes o segundo, roubaba un balón, conducía ata campo contrario e cedía para que o brasileiro, cunha fantástica definición, subise o 0-2 ao electrónico a tan só dous segundos do descanso.
A segunda metade comezou cunha gran oportunidade para Isma, que realizaba unha vaselina ante Diego Quintela e Gus, pero o seu balón atopábase co pau. A partir de aquí, o Peñíscola aumentou o seu dominio e durante tres minutos xogouse en campo burelés, chegando no 26 o 1-2 nunha acción rápida de Pani que terminaba cun balón moi ben colocado ao interior do pau dereito da meta de Kaluza.
Ao contrario do que se podería pensar, o tanto espoleou aos burelistas, que se quitaron a presión sobre a súa portería e volveron estirar liñas en busca do terceiro. E tívoo Quelle no 31. O canteirán íase con calidade de Elías e ante Gus enviaba o balón ao pau. Un minuto máis tarde era Araya o que estaba preto de anotar, pero Gio, que empezara a alternar o posto na portería con Gus, metía unha boa man para evitar o gol do chileno.
Os castellonencos só lograban inquietar o marco de Kaluza con disparos afastados de Pani ou subidas de Gus. Nunha delas, o toledano perdía a bóla e Juninho case o aproveitaba cun lanzamento desde o seu propio campo, pero o coiro íase fóra.
A 3:40 da conclusión, Valladares apostaba por Elías como porteiro-xogador, pero o conxunto mariñao defendeuse de marabilla, apoiado tamén nun gran Kaluza, e practicamente nunha das primeiras accións conseguía o 1-3. O balón caíalle a Isma e o capitán, que acumula xa catro goles desta factura na presente campaña, non perdoaba desde a súa propia área para facer o terceiro ante unha meta castellonenca totalmente desguarnecida.
O tanto foi un xerro de auga fría para os da provincia de Castellón, que xa non volveron xerar máis ocasións sobre o marco de Kaluza, pero si vían como chegaba o 1-4 nun novo lanzamento desde a área laranxa. Nesta ocasión era Araya o que, case desde o chan, conectaba un gran disparo e batía a meta local.
Con este triunfo, o quinto da tempada e o terceiro consecutivo a domicilio, os Pícaros suman 17 puntos, elévanse á undécima praza, superando ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad, e colócanse 9 puntos por encima da zona de descenso, que seguen marcando con 8 puntos Wanapix Sala 10 Zaragoza e ATP Iluminación Tudelano Ribeira Navarra.
Ficha Técnica Servigroup Peñíscola 1-4 Burela FS
Servigroup Peñíscola (1): Gus; Yeray, Diego Sancho, Gauna, Pani -quinteto inicial-, Plaza, Juanqui, Diego Quintela, Elías, Cristian, Salas, Pablo Muñoz, Juanico e Gio (ps).
Burela FS (4): Kaluza; Araya, Isma, Rikelme, Pitero -quinteto inicial-, Juninho, Alberto, Charly e Quelle.
Goles: 0-1, min. 19: Alberto. 0-2, min. 20: Rikelme. 1-2, min. 26: Pani. 1-3, min. 37: Isma. 1-4, min. 38: Araya.
Árbitros: Barrilero Mohedano e Bustos Caparrós (Colexio Andaluz). Amoestaron ao local Diego Sancho e aos visitantes Charly e Rikelme.
Incidencias: Encontro da décimo cuarta xornada da Primeira División masculina disputado no pavillón Juan Vizcarro de Peñíscola ante unha grande asistencia de público.