O titular de Mar pon en valor o papel da entidade como máxima representante do sector en Galicia e traslada o compromiso do Goberno galego en seguir avanzando na cogobernanza no deseño e execución das políticas pesqueiras na comunidade
Ames (A Coruña), 10 de xaneiro de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asinou hoxe co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez, un convenio de colaboración dotado con 125.000 euros co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da súa actividade como máximo interlocutor do sector pesqueiro en Galicia. Así, o responsable autonómico destacou na sede da entidade no municipio coruñés de Ames que este acordo amosa unha vez máis o compromiso do Goberno galego de seguir traballando xunto cos profesionais do mar no deseño e desenvolvemento das políticas pesqueiras na comunidade.
Alfonso Villares, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, puxo en valor o modelo de cogobernanza que preside a liña de actuación da Consellería do Mar e que está sustentado no diálogo directo e constante cos representantes das persoas pescadoras, a través de en reunións periódicas, coa finalidade de coñecer as necesidades e artellar as mellores solucións ante os retos aos que se enfronta a actividade pesqueira. Unha cooperación que alcanza ás federacións provinciais que se ve reflectida na mobilización conxunta desde o 2010 de preto de 5 millóns de euros en achegas autonómicas para financiar a súa actividade.
Deste xeito, a Xunta da continuidade a esta colaboración cun novo acordo no que se incrementa o importe en máis dun 12% respecto ao 2024 o que permitirá afianzar o papel da federación autonómica e o desenvolvemento de novas iniciativas en favor do ao redor de 10.500 profesionais do mar e das 63 confrarías que aglutina de toda Galicia.