Antonio Ameijide denuncia que de toda a documentación solicitada “aínda non puidemos acceder a ningún expediente completo” a pesar de que xa pasou o prazo legal para poñer a disposición toda a información
Lugo, 8 de xaneiro de 2025. Tanto PSOE como BNG seguen a dificultar o acceso á documentación e aos expedientes da Deputación de Lugo ao Grupo Provincial Popular “co único fin de impedir o traballo de fiscalización sobre o goberno de José Tomé”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda que “todos estes impedimentos” son “a forma habitual de traballar” de socialistas e nacionalistas “empeñados en poñer trabas e caracterizados por unha preocupante falta de transparencia”. “Vemos como insisten en poñer as máximas dificultades para que non poidamos denunciar todo o que fan mal”, denunciou.
Entre os expedientes solicitados e que aínda non se entregaron ou se puxeron a disposición incompletos (cómpre recordar que a lexislación establece que hai que facilitar o acceso no prazo de cinco días) están:
-Relación de Postos de Traballo (RPT) da Deputación: solicitado o 19 de setembro de 2023 sen que se entregase, polo que se presentou de novo a petición o 2 de decembro de 2024.
-Certificacións aprobadas ata a actualidade e a documentación correspondente en relación ás obras de construción e posta en marcha dos centros de atención a maiores da Pobra do Brollón, A Pontenova, Becerreá e Guitiriz
-Expediente completo do Plan de Mellora de Estradas Provinciais para 2025
Antonio Ameijide lamenta esta situación que, por outra parte, “non é nova, xa que se repite dende hai meses” e, incluso, José Tomé “negouse a colaborar como se debe” coa Valedora do Pobo ante a petición de amparo presentada polos populares sobre o veto de acceso a instalacións públicas provinciais.
O voceiro popular tamén explica que “podería entenderse” que neguen a documentación relacionada coa RPT da Deputación “á vista da forma de actuar de PSOE e BNG en todo o relacionado co persoal”, tendo como exemplos a denuncia realizada onte polo Grupo Provincial Popular en relación aos cambios de valoración nun proceso selectivo da Deputación ou a designación de cargos do PSOE para determinados postos de responsabilidade, a pesar de non ter praza en propiedade e de contar con moitos menos anos de experiencia que outros traballadores da Deputación.
“Non hai dúbidas de que teñen moitas cousas que ocultar xa que, do contrario, non terían ningún problema en facilitar toda a información que lles solicitamos dende o Grupo Provincial Popular e tamén a Valedora do Pobo”, sentenciou.