Balseiro amósase sorprendido porque os alcaldes destas localidades non lideren esta demanda ante o Ministerio pois acumulan queixas dos veciños e usuarios da vía
A Mariña, 28 de decembro de 2024. A situación das variantes de Burela e Foz, especialmente esta última, que presenta grandes treitos co asfalto deteriorado, volve ser obxecto de preocupación para os senadores lucenses do Partido Popular polo que formularan unha nova pregunta nas Cortes Xerais. A iniciativa busca coñecer se o Ministerio ten previsto algunha reparación ou actuación de mantemento urxente das variantes e, de ser o caso, en que consistirán estes traballos e que prazos manexan para a súa execución.
Segundo explica José Manuel Balseiro esta non é a primeira vez que se interesan polo mal estado da estrada nacional N-642. No pasado as denuncias dos populares levaron ao Ministerio a actuar e facer reparacións puntuais, como a realizada no alto de Mañente, “que en todo caso son parches, solucións parciais, cando o que se precisa é un arranxo integral da estrada”. Con todo, espera que esta nova pregunta leve ao Ministerio a reaccionar e así extremar as labores de conservación e mantemento, como mínimo nestas dúas variantes.
Balseiro amósase sorprendido porque os alcaldes destas localidades non lideren esta demanda ante o Ministerio ante a evidencia de que moitos treitos das variantes presentan desgaste no asfalto que, incluso, está por zonas agretado. O mal estado da estrada é unha realidade que constatan a diario ducias de condutores obrigados á facer uso deste percorrido que une os municipios costeiros da Mariña, entre Barreiros e Cervo, sen posibilidade de itinerario alternativo dada a parálise na que o Goberno Sánchez mantén a autovía A-74.
Finalmente sinala que “facendo oídos xordos a esta demanda, en respostas anteriores do Goberno Sánchez cualificaba de ‘óptimo’ o estado da N-642”.