A xornalista Cristina Fallarás ven de editar “No publiques mi nombre. Testimonios contra la violencia sexual”, unha recompilación de testemuños de actos de violencia machista contra máis de tres mil homes, que previamente foron publicadas na rede social Instagram. Máis de tres mil homes que, como as súas denunciantes, non foron identificados de xeito persoal porque a finalidade pretendida non era o da investigación penal ou a orientación xurídica, senón garantir unha canle segura para a recollida da memoria da violencia machista contada polas propias mulleres que a sufriron.
Non faltaron críticas a esta iniciativa. Quizais a máis espallada sexa a de considerar que os lugares para presentar denuncias de violencia machista non é esta canle, senón os xulgados e oficinas policiais. Mais en moitos destes casos denúncianse violencias do tempo da primeira mocidade ou mesmo de cando nenas de mulleres hai tempo adultas. É dicir, condutas que non poden ser sancionadas penalmente por ter prescrito o correspondente delicto. Nutras circunstancias as relatoras anónimas non queren enfrontar un procedemento xudicial por razóns moi diversas e dignas de respecto. A canle artellada por Fallarás só atende a facer posíbel e segura a recollida de testemuños.
Outras críticas denuncian que, malia o anonimato de relatoras e denunciados, ás veces sería posíbel identificar concretamente a éstes no relato. Estas críticas salientan que estarían a ser xulgados pola opinión pública sen probas nin dereito de defensa. Mais estas persoas son titulares dun dereito constitucional á honra persoal que lles outorga accións penais e civís se consideran que foron caluniados, inxuriados ou vulnerados no dereito fundamental á devandita honra. No decurso deses procedementos xudiciais civís ou penais mesmo poderían instar medidas cautelares a respecto da difusión parcial do relato que lles poida atinxir. Xa que logo a comparanza cos procedementos inquisitoriais é ilóxica e desaquelada.
En moitas destas críticas latexa a mesma doutrina que cuestionou as medidas xudiciais especiais contra da violencia machista pola existencia de denuncias falsas. E si, si existen denuncias falsas (unha cada dez mil se atendemos ás denuncias, unha cada cen mil se só contamos as condenas) que xeran moita dor e desacougo nos inxustamente denunciados. Mais son moitísimas, moitísimas máis as denuncias de actos de violencia machista que non se presentan.
Velaí a necesidade de analisarmos os dados e o contexto e decidirmos se ollamos cara á lúa (como adoitan facer as persoas sabias ) ou cara o dedo. O traballo de Fallarás e das súas colaboradoras contribúe substancialmente a difundir a peor vulneración de dereitos humanos na Europa. Porque o que non pode ser nin nomeado nin relatado polas vítimas é moi difícil que poida existir na axenda pública.