Os meloneiros dispuxeron de máis ocasións e foron moito máis efectivos ante o marco do conxunto burelista
Burela, 21 de decembro, 2024. O Burela FS pechou o 2024 en Vista Alegre cunha derrota ante un Jimbee Cartagena Costa Cálida (1-4) que estivo máis efectivo e demostrou a súa condición de vixente campión de Liga. Os cartaxeneiros dispuxeron de máis ocasións ante un voluntarioso Burela que non baixou os brazos en ningún momento, pero que chegou ao tramo final practicamente sen opcións de rabuñar algún punto.
O cadro meloneiro dominou durante os primeiros minutos do partido, aínda que sen crear demasiadas ocasións de perigo sobre o marco dun seguro Kaluza. Senllos disparos de Pablo Ramírez e Gon Castejón, cando se xogaran xa cinco minutos, foron as primeiras oportunidades para os visitantes. Despois probaríano Tomaz e de novo Gon Castejón, pero toparíanse unha vez máis co meta internacional polaco.
A partir de aí o conxunto local gañou presenza en campo contrario e o primeiro achegamento perigoso dos burelistas protagonizouno Malaguti no minuto 8, pero o seu disparo foise desviado. Cinco minutos máis tarde era Isma o que resolvía unha xogada de estratexia, pero metía moi ben abaixo un pé Chemi para evitar o tanto.
Cando máis perigo estaban a crear os mariñaos chegou o tanto dos cartaxeneiros, nun córner no que Gon Castejón batía a Kaluza cun disparo raso e pegado ao pau. O gol espoleou aos discípulos de David Rial no tramo final do primeiro tempo. Rikelme remataba desviado unha acción a balón parado, Alberto atopábase con Darío Gil nun bo balón filtrado á área e Malaguti, virándose no pívot, remataba lixeiramente desviado ante o marco de Chemi. Os locais non lograban o empate e nos últimos segundos a punto estiveron de atopar o segundo os da cidade Trimilenaria, primeiro a través dun disparo afastado de Linhares que despexaba co pé Kaluza e posteriormente cun cabezazo de Gon Castejón que se ía ao traveseiro.
O segundo tempo comezou cun xerro de auga fría para os locais. Chemi animábase a subir ao ataque e probábao cun lanzamento afastado que repelía Kaluza, pero o seu rexeite tocaba en Malaguti e quedáballe perfecto ao francés Mouhoudine para anotar o segundo da noite en Vista Alegre. Os burelistas, que só conseguían inquedar o marco de Chemi a través de Malaguti, acusaron o golpe e no minuto 28 chegaba o terceiro nunha acción na que Pablo Ramírez marcha de Isma por velocidade e definía con moita calidade ante o meta mariñao.
Tras o tanto tivo unha opción Juninho, pero o seu disparo de lonxe íase por pouco e despois tomaba a remuda Rikelme en dúas ocasións. Na primeira remataba rozando o traveseiro e na segunda tentaba superar a Chemi cunha vaselina, pero o porteiro de Mazarrón estaba moi áxil para evitalo.
A algo máis de catro minutos da conclusión, David Rial apostaba polo xogo de cinco colocando a Isma coa camiseta de porteiro e practicamente na primeira acción perdían un balón e Mouhoudine anotaba o seu segundo tanto cun punteirolo desde o seu propio campo e ante unha portería totalmente desguarnecida. Respondeu Rikelme segundos máis tarde cun zurdazo desde uns 9 metros diante do que nada podía facer Chemi. Non se movería máis o marcador, aínda que a piques estivo de facelo nun disparo desde a súa área de Chemi que sacaba Juninho cando a pelota se ía para dentro e posteriormente nun tiro de Pablo Ramírez ao que respondía Kaluza.
Ficha Técnica Burela FS 1-4 Jimbee Cartagena Costa Cálida
Burela FS (1): Kaluza; Isma, Alberto, Rikelme, Malaguti -quinteto inicial-, Juninho, Araya, Charly e Pitero.
Jimbee Cartagena Costa Cálida (4): Chemi; Pablo Ramírez, Mellado, Darío Gil, Mouhoudine -quinteto inicial-, Tomaz, Gon Castejón, Jesús Izquierdo e Linhares.
Goles: 0-1, min. 13: Gon Castejón. 0-2, min. 21: Mouhoudine. 0-3, min. 28: Pablo Ramírez. 0-4, min. 36: Mouhoudine. 1-4, min. 36: Rikelme.
Árbitros: Cubero García e Manso Martín (Colexio Madrileño). Amoestaron ao técnico local, David Rial.
Incidencias: Encontro da undécima xornada da Primeira División masculina disputado no pavillón de Vista Alegre ante uns 700 espectadores.