Será nunha carpa instalada na Praza da Mariña ás 20:30, con entrada de balde
Burela, 20 de decembro de 2024. O Concello de Burela acollerá, na Praza da Mariña, un novo concerto de presentación de ‘Basal’, o novo álbum da cantautora galega Ugia Pedreira.
O concerto da artista, tamén coñecida como A Pedreira, terá lugar nunha carpa que será instalada na praza o día 27 de decembro, venres, ás 20:30. A entrada será libre e de balde.
A cantante, natural de Vilaronte, Foz, define este espectáculo como “sensorialmente amable”, e nel mestura influencias do folk, o jazz e o rock entre outros estilos, como é habitual na súa traxectoria.
Estará acompañada no escenario por Mauricio Caruso á guitarra, Alejandro Vargas ao piano e ao sintetizador e Lorena Cachito á batería e á percusión, ademais de nos coros.
‘Basal’ é, en palabras da artista, “unha obra que conecta música, psicoloxía, territorio e corpo-casa”. Trátase do seu segundo traballo en solitario despois do lanzamento de ‘Segmento Cantábrico’ en 2021, ao que hai que sumar catro décadas como artista en diferentes proxectos.