Viveiro, 19 de decembro, 2024. O Concello convocou ás veciñas e veciños de Viveiro á concentración de repulsa e solidariedade polo asesinato machista de Rejane que se celebrou ás 19:00 horas diante da Casa Consistorial.
No acto a alcaldesa, María Loureiro, dedicou estas palabras á finada e a todas as vítimas da violencia machista.
Boa tarde a todas e a todos.
Grazas ao pobo de Viveiro pola vosa asistencia a este acto, unha concentración coa que queremos honrar xuntos a memoria de Rejane.
Co paso das horas faise cada vez máis difícil asumir o que pasou.
É difícil atopar as palabras necesarias para transmitir a dor e a tristeza que este momento tan duro desperta en cada un de nós.
Dor, tristeza, rabia e a máis absoluta repulsa por unha nova vida truncada a mans da súa parella, un asasinato machista que nos deixa consternados.
É o momento de estar unidos e axudar en todo o que poidamos á familia de Rejane, especialmente aos seus fillos… un deles, Alex, vive con nós en Viveiro e por suposto lle enviamos unha agarimosa aperta desde aquí.
A violencia machista é unha lacra da nosa sociedade, a mostra máis extrema da desigualdade de xénero que padecemos.
As respostas colectivas de condena, dor e denuncia, como a que hoxe nos reúne aquí, non poder quedar nisto, é máis necesario que nunca seguir traballando para construir a sociedade igualitaria na que queremos vivir.
As mostras de solidariedade que chegan despois dun asesinato machista non son suficientes, é imprescidible potenciar o compromiso coa loita contra a violencia de xénero, reforzando as políticas de prevención, protección e igualdade.
Sen medias tintas, sen tolerar as voces que rexeitan a existencia da violencia machista e berrando todas e todos Basta XA.
Falamos dunha lacra que vai a máis, tamén con comportamentos e actitudes entre a nosa mocidade que deben preocuparnos e ocuparnos, xa que nos mozos e mozas está o futuro da nosa sociedade.
Cada caso como o de Rejane é un fracaso social co que debemos loitar unidos.
Grazas de novo a todos e a todas polo voso afecto e a vosa solidariedade.