“Son moitos os veciños que nos trasladan a súa inquietude e enfado ante a situación política do municipio que se está a traducir nunha inacción absoluta do goberno local”, afirma o voceiro popular, Javier Castiñeira
Foz, 19 de decembro de 2024. O Partido Popular de Foz móstrase preocupado pola parálise total que sofre o concello. “Son moitos os veciños que nos trasladan a súa inquietude e enfado ante a situación política do municipio que se está a traducir nunha inacción absoluta do goberno local”, afirma o voceiro popular, Javier Castiñeira.
O enfrontamento político entre PSOE e BNG xera inseguridade, mala imaxe e perdida de servizos públicos.
Castiñeira sinala que “o grave é que a parálise política de Foz acarrea unha parálise administrativa e económica moi perigosas: levamos meses sen secretario nin interventor, incúmprese o período máximo de pago a provedores e asociacións, tárdanse meses en dar unha licenza ou calquera outro permiso e, todo iso, despois da maior suba de impostos que se recorda en Foz”.
Ademais, as obras urbanas levan varios meses paralizadas, os continuos cambios no tráfico dificultan a mobilidade e existe unha desorganización e descoordinación total nas tarefas municipais básicas que se fixeron moi evidentes nos últimos veráns onde se rozou o caos total.
“Cajoto, intrinsecamente, está dimitido; así o demostrou delegando a residencia por incompetencia pero non pode alargar o sufrimento do pobo, polo que lle pedimos a PSOE e BNG que aclaren canto antes a súa relación política e deixen paso a aqueles que xa demostraron que saben xestionar en épocas complexas”, expresa o voceiro do PP de Foz.
“Quedan dous anos de lexislatura e a xente pregúntase en que vai acabar isto, pero non hai máis que ver a falta de protagonismo do noso concello dentro da Mariña e, aínda menos mal, das obras realizadas polo anterior goberno municipal, pola Xunta de Galicia e das xestións do actual Grupo Municipal Popular (depuradoa, arranxos no colexio de Nois e no IES de Foz, dragados…) para que o concello teña investimentos de certa envergadura”, finaliza Javier Castiñeira.