Foz, 17 de decembro de 2024. Hoxe, martes, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, clausurou, xunto aos rexedores municipais de Alfoz e O Valadouro e ao delegado territorial da Xunta, o obradoiro de emprego Terras do Ouro 2023, financiado con 535.500 euros procedentes dos fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) á Xunta de Galicia. Fran Cajoto, agradeceu “o esforzo económico do Estado e da Xunta de Galicia para o financiamento dun programa que permitiu formarse no ámbito da xardinería a doce alumnos de Foz e oito de Alfoz e O Valadouro, que puideron desfrutar dunha ensinanza remunerada”.
“Estes obradoiros son útiles para as alumnas e alumnos, pero tamén para as empresas, nun momento no que é necesaria man de obra especializada en moitos sectores. Ademais os concellos benefícianse con actuacións que van a desfrutar as veciñas e veciños. Quero destacar o novo parque canino no Pico do Castro, o primeiro da Mariña, a carón do cemiterio de Foz, que vamos a poder utilizar en canto medre o céspede. Unhas antigas instalacións de distribución de gas abandonadas convertéronse nun espazo de esparexemento para as mascotas e os seus donos, con xogos de Agility, marquesiña cuberta e bancos, cunhas vistas privilexiadas sobre a ría. Un exemplo de recuperación de espazos para o cidadán que foi posible grazas á escola obradoiro”, destaca o alcalde de Foz.