O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na entrega de diplomas ás persoas participantes, que recibiron formación sobre xardinería e actividades de conservación e mellora de montes
Foz, 17 de decembro de 2024. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe na entrega de diplomas ás persoas participantes no obradoiro de emprego Terras do Ouro 2023, que se desenvolveu durante o último ano en Foz, Alfoz e O Valadouro.
Arias explicou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou 535.500 euros a financiar a actividade, promovida polos concellos. As 20 persoas alumnas-traballadoras recibiron formación teórica e práctica sobre xardinería e conservación e mellora de montes.
“Os obradoiros melloran as competencias do alumnado en especialidades con boa saída laboral ao tempo que prestan un servizo público nos municipios que os acollen”, destacou o delegado.
En canto aos traballos que levaron a cabo, en Foz acondicionaron as contornas do Pico do Castro – co fin de crear un parque canino e unha zona de lecer -, da área recreativa de Fazouro, do centro social A Saira (Nois) ou da antiga escola unitaria de Fazouro, entre outros espazos.
En Alfoz tamén fixeron melloras en diferentes zonas, como os entornos das escolas de Reirado, Bacoi, Carballido, Adelán, Pinguela, Oiras, O Pereiro e Chao. No tocante ao Valadouro, acondicionaron xardíns no cemiterio municipal e prepararon unha parcela contigua para convertela en zona verde; ademais de traballar en parques como os de Feira Nova e Concepción Arenal, no exterior da piscina municipal ou na praza de Santa María, entre outros lugares.
O delegado explicou que ao longo deste mes estanse a poñer en marcha na provincia de Lugo 17 novos talleres de emprego concedidos con cargo á convocatoria de axudas de 2024, na que a Xunta aprobou todas as solicitudes dos concellos que pediron un obradoiro.