Espera que o Goberno de Pedro Sánchez escoite á cidadanía galega e non ao tándem PP-Altri e non apoie este proxecto megacontaminante
Santiago de Compostela, 16 decembro 2024. A portavoz nacional, Ana Pontón, mostrou o seu convencemento de que a histórica manifestación contra Altri celebrada onte en Santiago, “a maior mobilización social no País despois de Nunca Máis”, vai supoñer, como o fixo esta última en 2005, “un gran paso adiante no cambio de ciclo que necesita Galiza”.
Pontón afirmou en rolda de prensa que os galegos e galegas deixaron onte “ben claro” que non están dispostos “a ter un goberno que traballa a favor de Altri e en contra das súas vidas”. “Estou convencida de que o Goberno de Rueda pagará moi cara a súa deslealdade con este país se decide seguir adiante coa traizón que significa Altri”, afirmou, logo de recordar como a mobilización de Nunca Máis puxo no seu día “punto e final a un ciclo político no que o PP pensaba que tiña todo atado e ben atado”.
A líder nacionalista reclamou ao titular do Executivo que se “baixe da súa prepotencia” e que “teña a humildade” de escoitar o “clamor social” que expresou con total contundencia, “desde a dignidade dun pobo”, que quere un futuro de progreso, traballo digno, coidar o seu territorio e o medio ambiente e defender a xente do rural e do mar “fronte á bomba ambiental da macrocelulosa de Altri”.
“Pídolle ao señor Rueda que se baixe da súa torre de marfil e que teña a humidade de escoitar aos miles de galegos e galegas que lle están dicindo que Galiza non pode ser o contedor dunha macrocelulosa que non queren en ningún lugar”, incidiu, para advertir a continuación que este é o modelo dunha industria “máis propias do século do XX que do século XXI”. “E nós non queremos retroceder, senón avanzar”, sintetizou.
A portavoz do BNG amosouse “orgullosa” de ter participado na mobilización, camiñando xunto aos miles e miles de persoas que deixaron moi claro onte que “hai un país en pé” que “non vai baixar os brazos” e que “non vai permitir que se atropele nin a súa dignidade, nin o seu futuro”.
“Non queremos que nos traten como unha colonia na que as multinacionais fan e desfán ao seu antollo, espoliando os nosos recursos e forrándose a costa da nosa riqueza natural, mentres que só nos deixan destrución do territorio e contaminación”, alertou sobre un proxecto megacontaminante que pon en risco 8.000 postos de traballo na comarca da Ulloa e na ría de Arousa.
Pontón tamén se referiu á campaña que están desenvolvendo tanto o PP como a propia compañía portuguesa e, neste sentido, afirmou que o que “pode ter moi claro o señor Rueda” é que non vai calar á sociedade galega “nin con toda a propaganda do Partido Popular nin con toda a propaganda da multinacional”.
“Poden encher o País con publicidade, empapelar Galiza con anuncios e propaganda, que non van ser capaces de tapar a verdade”, recalcou, para denunciar que a verdade é que o PP “quere darlle 250 millóns de euros a Altri” para colocar “unha bomba ambiental no corazón do País” que pon en risco máis de 8.000 empregos, o modo de vida da xente do rural e do mar e o medio ambiente”. En definitiva, engadiu, unha macrocelulosa que “está poñendo en risco o futuro de Galiza”.
Nesta liña, reiterou a proposta do BNG para destinar eses 250 millóns que o PP quere regalar á multinacional ao desenvolvemento de proxectos produtivos na comarca da Ulloa e Arzúa, a recuperar o río Ulla e a rexenerar a ría de Arousa, dado que isto é a “maior fonte de vida e o maior proxecto tractor que pode ter o País”.
A preguntas dos medios sobre un posible PERTE para Altri, a portavoz nacional dixo esperar que o Goberno de Pedro Sánchez “escoite o clamor social” da cidadanía galega, e non ao “tándem PP-Altri” que lle está pedindo eses 250 millóns para financiar “unha bomba ambiental”. “Espero que o señor Sánchez escoite a voz dos galegos e das galegas e non a ese tándem Partido Popular-Altri e que vexamos como este proxecto non segue adiante”, indicou.
Tamén a preguntas das e dos xornalistas, Pontón negou como pretende facer ver a multinacional que a sociedade non entende o proxecto e ten unha mala percepción do mesmo. “Non hai que faltar o respecto á cidadanía deste país que sabe perfectamente que Altri é unha bomba ambiental colocada no corazón do noso rural”, advertiu. “A cidadanía galega é unha cidadanía madura que non traga coa propaganda, nin do Partido Popular, nin de Altri”, concluíu.