Lugo, 14 de decembro, 2024. Coincidindo co Día Mundial das Persoas Migrantes -18 de decembro-, a Rede Museística Provincial de Lugo organiza unha xornada con diversas actividades orientadas á reflexión, o intercambio cultural e a creación de espazos de encontro, que se desenvolverán no Museo Provincial de Lugo e na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos e que dan continuidade ao programa “Culturas en diálogo” no que os museos provinciais traballan desde hai máis dunha década fortalecendo lazos coas comunidades migrantes nas comarcas de Lugo e no resto do país.
Ademais de celebrar a diversidade cultural e sensibilizar arredor desta temática, a xornada marcará o punto de inicio do proxecto de creación do Museo da Migración da Rede Museística Provincial de Lugo, un espazo virtual que ten como obxectivo abordar a migración desde unha perspectiva interseccional —coherente co enfoque da Rede— e fomentar o diálogo intercultural a través da creación e a participación comunitaria.
Como punto de partida dese proceso, que culminará o 18 de maio de 2025 coa posta en funcionamento do espazo virtual, inaugurarase a exposición temporal “Museo da Migración da RMPL: punto de partida”, que se formula como un espazo de reflexión e escoita no que se poñen en valor as experiencias migrantes relacionadas con Lugo, reivindicando o seu papel na sociedade lucense.