A alcaldesa destacou o compromiso do Goberno local coa cultura e coa defensa da lingua galega
Viveiro, 14 de decembro de 2024. O Concello de Viveiro entregou o seu VI premio Vilar Ponte de Narrativa ao novelista Xavier Queipo. A alcaldesa, María Loureiro, entregou o galardón nunha gala que tivo lugar no teatro Pastor Díaz e que estivo presentada pola xornalista Alba Porral.
‘Tamarindo’ é a obra de Xavier Queipo pola que gañou este certame, no que tamén se recoñeceu a creatividade narrativa do escritor marilán Lionel Rexes pola súa obra ‘O terceiro desexo’. Os galardóns están dotados con 4.000 e 1.000 euros, respectivamente.
Compromiso coa cultura
María Loureiro durante o seu discurso destacou que “con este certame temos o obxectivo de abrir unha fiestra á creación literaria en galego, unha lingua que e tamén sinal de identidade do noso pobo” e subliñou que “como Goberno local, a cultura non só é unha prioridade, senón que tamén é unha responsabilidade”.
O gañador e o finalista deste premio agradeceron ao Concello o seu compromiso coa cultura a través do impulso deste tipo de iniciativas, asemade destacaron as figuras do xurado, composto polo xornalista Carlos Nuevo Cal, a escritora Rosalía Morlán Vieites e o crítico literario Armando Requeixo.
O certame, como explicou a alcaldesa de Viveiro, naceu para render homenaxe aos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, escritores nados en Viveiro.
A gala estivo amenizada pola música do Conservatorio de Música de Viveiro e os membros do xurado foron agasallados con pezas de cerámica do artista local Otero Regal.