Foz, 14 de decembro, 2024. O BNG de Foz valora a reestruturación do Goberno Municipal. “Na mañá do xoves enterámonos, pola prensa dixital, que o Alcalde de Foz Francisco Cajoto, convoca para ese día as cinco e media da tarde unha rolda de prensa xunto coa concelleira de Servizo Sociais Ana Rojo, para falar da Residencia e dunha suposta reestruturación do Goberno Municipal. Até ese momento no Grupo Municipal do BNG de Foz non tiñamos ningunha información ao respecto”.
“15 minutos antes da comparecencia, a compañeira Zoira Coira Vázquez, recibe a chamada do Alcalde, para informala de que acaba de asinar un decreto onde lle asigna as competencias da xestión da Residencia Municipal”.
“Por medio desa rolda de prensa enterámonos de que o TACGAL, (Tribunal Administrativo de Contrataciòn Pública de Galiza), enviara ao Concello (non sabemos en que data), notificación coa resolución aos recursos presentados pola empresa adxudicataria da licitación da Residencia, que ían en contra da nosa emenda, aprobada en pleno, na cal se pedıa a renuncia á formalización do novo contrato da Residencia e Centro de Día de Foz”.
“A emenda que levamos a pleno, avalada por un informe xurídico independente externo, respondeu á advertencia que se nos fixo en Pleno, na cal se nos informaba que tiñamos que argumentar xuridicamente o noso cambio de postura a respecto da aprobación deste contrato”.
“Defendemos o interese público do mesmo, e a situación de desamparo na cal se ían ver moitas e moitos dos residentes e as súas familias, coa enorme suba das novas tarifas, que non ían poder asumir en moitos dos casos, e que a actual ordenanza de axudas non complementaba”.
“Dende o BNG, nunca quixemos chegar até este extremo, pero a negativa do Alcalde e da Concelleira de Servizos Sociais, para abrir un proceso de diálogo de negociación e consenso coa plataforma formada polas familias afectadas e con nós mesmos, antes da formalización do novo contrato, levounos a tomar esta decisión”.
“Por medio desta rolda de prensa do venres, fomos coñecedores de que o TACGAL, un órgano administrativo independente, que actúa con obxectividade para resolver reclamacións en materia de contratación pública, dí que a petición que levamos a pleno de renuncia ao contrato, baseada no interese público do mesmo, é legal, e polo tanto invalida todo o proceso”.
“Non nos parece serio facer esa suposta cesión das competencias da residencia, por teléfono, intres antes de facelo público aos medios, e sen recibir a Concelleira proposta, ningunha notificación oficial do Decreto por ningún medio, e sen antes negociar e falar en que condicións e con que medios se vai ter que xestionar”.
“Á hora de emitir esta nota, a Concelleira Zoraida Coira aínda non recibiu o Decreto que supostamente asinou o Alcalde o venres”.
“Cando o teñamos no noso poder, e vexamos o seu contido, poderemos valoralo e posteriormente sentarnos a negociar, xa que calquera modificación das competencias e do pacto de goberno asinado, debe pasar por un proceso de negociación polos dous Grupos Municipais que conformamos o cogoberno”.
“Estamos dispostos a liderar o proceso que se abre a partires de agora sobre a Residencia de Maiores e Centro de Día de Foz. Cando nos presentamos ás eleccións, fixémolo para gobernar, polo tanto sentímonos capacitados para facelo, pero non o imos facer de calquera xeito nin a calquera prezo, imos negociar as condicións”.
“Non imos aceptar imposicións, nin agasallos envelenados”.