A Axencia de Turismo de Galicia rexeitou a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia “por falta de acreditación do requisito de arraigamento da feira”
Vilaba, 13 de decembro de 2024. A Agrupación Provincial Socialista de Lugo considera “premeditado e ofensivo para os vilalbeses e vilalbesas” que a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, poña en dúbida o “arraigamento” da Feira do Capón de Vilalba.
“Tivo que ser un goberno local liderado polos socialistas o primeiro que solicitase a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Feira do Capón de Vilalba”, lembra Pilar García Porto, secretaria de Organización dos socialistas da provincia.
“E agora, aínda que intenten desviar a atención botándolle a culpa ao concello, o que fai a Xunta do PP é tapar con outro erro grave ese erro histórico do PP de Vilalba”, explica García Porto, que lamenta “o despropósito, xa que poucas feiras hai en Galicia con máis arraigamento e fama en toda España que a do capón de Vilalba”.
Os socialistas da provincia de Lugo lembran que o goberno de Vilalba propúxolle ao pleno municipal a solicitude da declaración de Festa de Interese Turístico para a Feira do Capón. Todos os grupos políticos por unanimidade aprobaron a solicitude, xunto co expediente a remitir elaborado por persoal técnico do Concello, sen que o PP formulase obxección algunha á documentación.
O pasado 2 de decembro, o Concello de Vilalba recibiu a desestimación por falta de acreditación do requisito de “arraigamento da feira”.
“Estou convencida de que o Concello de Vilalba recibirá finalmente a distinción grazas ao goberno liderado pola socialista Marta Rouco, e a Xunta de Galicia terá que recoñecer o seu erro e rectificar, por moito que pretenda desviar a atención”, remata García Porto.