“Temos a man tendida para buscar un maior consenso con Por Viveiro, xa que temos obxectivos comúns”, afirma María Loureiro
Viveiro, 12 de decembro de 2024. Os socialistas de Viveiro reivindican “o traballo realizado polo goberno local neste primeiro ano e medio de mandato municipal” e tenden a man a Por Viveiro, co que asinaron o acordo que permitiu o actual goberno local e, no seu momento, se lles plantexou formar parte do goberno.
“Nós defendemos a política construtiva e de consenso, o que fixemos neste ano e medio é traballar para mellorar a vida dos veciños, con proxectos xa licitados como o das beirarrúas de Magazos (Plan de Deputación 2024), e outros que entrarán no Plan da Deputación do 2025 como o novo parque cuberto para os nenos e nenas de Viveiro”, asegura María Loureiro.
“Ademais, saíron adiante outros temas importantes, como o acordo extraordinario que asinamos coa Deputación con 350.000 euros para as actividades dos clubs deportivos e a as asociacións culturais de Viveiro, a renovación da rúa do Porto de Celeiro cun investimento de 680.000 euros, o skatepark e un convenio de 100.000 euros que asinaremos coa Deputación para mellorar as instalaciós deportivas, como a piscina ou o campo de fútbol Marcos Gómez”, engade.
Na piscina, procederase á dotación dun elevador hidráulico para a mellora da accesibilidade, beneficiando ás persoas con mobilidade reducida, e instalarase unha deshumectadora, o que permitirá a reapertura do vaso pequeno, e unha nova tecnoloxía denominada Nagi. Este sistema permitirá dixitalizar a actividade física dos nadadores e mellorar a seguridade dos usuarios.
O PSOE lembra que “os orzamentos de 2025 incluirán tamén puntos do acordo de investidura, como tratamos nunha reunión recente” e aposta “polo diálogo e o consenso con Por Viveiro, que sabe desde que comezou a lexislatura que ten a posibilidade de aportar desde o propio goberno local”.
“O que queren os veciños e veciñas é un goberno que traballe e mellore a súa vida, ese foi sempre o obxectivo dos socialistas de Viveiro desde hai moitos anos”, remata Loureiro.