O 6-D é o aniversario do referéndum que, no 1978, aprobou unha Constitución española que, co tempo, foise afastando na súa interpretación maioritaria do recoñecemento das nacionalidades catalá, vasca e galega que era posíbel tirar do seu texto e contexto. Ultimamente sempre foi aproveitado polo mainstream centralista para espallar unha desaquelada mensaxe españolista que conta historias tan trapalleiras, cando non abertamente mintireiras, como as de que España seica vive e existe como realidade unitaria dende hai 500, 1500 ou 2000 anos.
Xa que logo é normal que as nacións ibéricas negadas polo Estado-Nación español (ou, máis ben, castelán-madrileño) reivindiquen a súa soberanía, que só podería desenvolverse no Estado dende un sistema confederal, quizais misturado con elementos dun fondo federalismo no económico.
Galicia constitúe, de xeito obrigatorio, unha realidade política de seu. Dende os tempos do emperador romano Caracalla (primeira metade do século III) fomos província romana de noso, canda a Galia, a Lusitania, a Britania ou a Dacia romanesca. Fomos na primeira metade do século V, o primeiro “regnum” da Europa. Fomos o reino da Galicia promotor da unidade europea dende os Camiños de Santiago, da Catedral compostelá e do seu Pórtico da Gloria e mais das vilas de Viveiro, Betanzos, Coruña, Noia e Baiona,
Galicia ten língua propia de noso que habería constituir o centro de gravidade das políticas lingüísticas deste país, como recoñeceu adoito o Tribunal Constitucional (TC) entre 1986 e 1994, Isto quere dicir que só a língua galega haberá ser a lingua vehicular do ensino neste país mentres non se resolve esa desigualdade que o propio TC-árbitro caseiro, sempre a prol do centralismo españoleiro- recoñeceu e admitiu como alicerce das políticas de discriminación positiva. Porén, o sistema xurídico-político español teima pór paos na roda ao recoñecemento da lingua galega como lingua do país en condicións de igualdade coa lingua castelá.
Galicia foi recoñecida na propia Constitución de 1978 como realidade política preconstitucional, como tamén foi recoñecida como nación polo Congreso de Minorías Nacionais da Liga das Nacións (SDN) no 1933. Velaí a razón pola que se lle recoñeceu o dereito a un acceso inmediato ao autogoberno de primeiro grao no sistema xurídico-político de 1978, canda Euskadi e Catalunya, o dereito a codecidir co Estado un Estatuto de Autonomía de xeito paccionado entre cadansúas comisións do Congreso e dos parlamentarios galegos elixidos no 1977.
Sermos Nación require, nomeadamente, o recoñecemento dun Estado plurinacional que ha admitir unha cosoberanía galega, un Estatuto de Nación que recoñeza i) o galego como lingua oficial de uso preferente, principal e prioritario, ii) un ámbito moi amplo e blindado de autogoberno que só exclúa a coordinación das políticas de defensa, diplomática e unidade lexislativa no que atinxe aos dereitos fundamentais e á libre circulación de persoas, mercadorías e servizos e iii) un financiamento concertado, no que Galicia recade os tributos todos e achegue o preciso para financiar aqueles servizos que preste o Estado ou a UE.
A alternativa no longo prazo ao necesario Estado plurinacional non vai ser, dende logo, o Estado dexergado por pactos confusos, equívocos e incumpridos no 1978. Non vai ser esa descentralización cativa e observada dende Madrid con grandes doses de desconfianza, cando non de aberto rexeitamento.