Os deputados populares pedirán acceso ao plan de mellora da rede viaria “para poder estudialo con detalle” e apuntan que “este plan debería de publicarse de inmediato” na páxina web da Deputación de Lugo para que calquera veciño da provincia puidese revisalo e comprobar se se arranxan as estradas provinciais que percorren o seu municipio ou, pola contra, seguirán intransitables
Lugo, 3 de decembro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular desminten a José Tomé xa que o plan de mellora das estradas provinciais “nin moito menos é ambicioso” xa que se trata dun plan que prevé arranxos en 280 dos 4.217 quilómetros da rede viaria, é dicir, o 6% do total das carreteras da Deputación de Lugo.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirma que “este anuncio acadouse grazas a presión de moitos anos realizada por veciños e polo Partido Popular”, pero a realidade é que “José Tomé anunciou un parche porque se precisa moito máis investimento, seguramente multiplicalo por cinco ou por seis xa que son moitos anos de abandono por parte de gobernos do PSOE e do BNG”.
Antonio Ameijide, consciente da realidade da rede viaria provincial, afirma que “non pararemos ata acadar que todas as estradas da Deputación estean en bo estado xa que se trata dunha rede intransitable e moi perigosa para os condutores”. “O problema do mal estado da rede viaria provincial non se soluciona cunha rolda de prensa de Tomé, soluciónase con fondos suficientes e actuacións concretas e detallas, algo que non fixo o presidente da Deputación”, afirmou.
ACCESO AO PLAN DE MELLORA DA REDE VIARIA
Dende o Grupo Provincial Popular pedirase acceso á documentación do plan de mellora da rede viaria hoxe anunciado e non concretado, para coñecelo con detalle e así poder analizar as actuacións que contempla.
Aínda así, PSOE e BNG manteñen a súa “habitual falta de transparencia” xa que o que deberían de facer é “publicar este plan na páxina web da Deputación Provincial de Lugo para que calquera veciño da provincia puidese ver as actuacións previstas e comprobar se se atenden as súas peticións e se as estradas da Deputación que percorren o seu concello seguirán sendo perigosas ou non”.