En termos laborais, esta rebaixa provocará que os máis de 2.000 tripulantes existentes na comunidade deixen de percibir nos seus salarios 9,7M€
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, alerta de que a proposta do Consello Internacional para a Explotación do Mar (ICES), de rebaixa de pescada supón unha perda de ingresos de 73,9 millóns de euros para a economía galega.
O responsable autonómico así o expuxo na reunión do Consello Consultivo de Políticas Agrícolas e Pesqueiras para Asuntos Comunitarios, que tivo lugar esta tarde, e na que se detallou o informe do departamento que dirixe, que tamén revela que o impacto xeral, contando cunha redución xenérica do 28% sobre a cota actual e en base aos desembarques do último ano, acumula unha minoración de 4.287 toneladas.
Así, en canto á repercusión por lonxas, a afectación para a comercialización alcanzará os 27,9 millóns de euros, pois Galicia recibe descargas desta especie procedentes de outras frotas con porto base noutras comunidades e en Estados membros, o que xera un elevado afluente de desembarques por valor de 24,5 millóns; é dicir, case o 29% do total de facturación que se obtén na comunidade pola primeira venda de pescada.
A Mariña, a zona máis prexudicada
Segundo expuxo Villares, o impacto sería soportado basicamente pola frota do Gran Sol, sendo especialmente a de palangre de fondo a que acusaría esta rebaixa, cifrando a súa porcentaxe sobra a baixa xenérica nun 85%. Deste xeito, a zona da Mariña acusaría o maior descenso ao serlle atribuído o 92% dese impacto económico.
Neste senso, as perdas sitúanse en valores próximos aos 22 millóns de euros, de forma que Burela e Celeiro serían, de novo, os peiraos máis afectados en canto a esta rebaixa de ingresos das súas lonxas, ao xerar estas un beneficio que supoñen o 45,3% e o 46,4% das descargas e primeiras vendas desta especie en Galicia. En termos económicos, esta rebaixa impactaría nestes portos principais xerándose unha minoración nos ingresos de 10,8 e 11 millóns de euros, respectivamente.
Polo que respecta aos datos por portos base, os de Lugo, con algo máis de 14,5 millóns de euros, serían os máis afectados pola influencia negativa desta proposta, ao serlles atribuídos o 86% dese impacto económico en primeira venta. Así, Celeiro e Burela son os máis prexudicados en canto a esa rebaixa nos ingresos da súa frota, ao xerar esta unhas descargas que supoñen o 47 e 39% dos desembarques de pescada en Galicia. En termos económicos, para estes mesmos portos, esta rebaixa impactaría xerando un descenso nos ingresos de 7,9 e 6,6 millóns de euros, respectivamente.
En total, son 7 os portos galegos que se ven afectados por este impacto económico polas perdas ocasionadas. Ademais dos da Zona IX-A Mariña (Burela e Celeiro), os outros peiraos que acumularían perdas son os situados nas Zona I (Vigo), Zona III-Arousa (Ribeira), Zona VII A Coruña-Ferrol (A Coruña), e Zona VIII Cedeira (Cariño e Cedeira).
Impacto laboral
Os efectos que esta proposta de rebaixa de TAC teñen tamén consecuencias negativas sobre o emprego, de tal xeito que o impacto sobre os salarios da tripulación cifraríase nos 9,7 millóns de euros de minoración. Isto suporía que o recorte medio de salario por tripulante inducido (máis de 2.000 en toda Galicia) por esta proposta superaría os 4.800 euros.