Nota de prensa
Preto de 1.300 persoas redescubirán en novembro
a provincia con Km0
– Estas súmanse ás preto de 20.000 que xa participaron na iniciativa coa que a Deputación demostrou que o medio ambiente é a oportunidade económica de Lugo e contribúe a manter uns 3.000 postos de traballo na provincia
– Esta semana 254 veciños elixirán como destinos das súas rutas a Mariña, a Montaña, a Terra Chá, a zona centro e a Ribeira Sacra
Un total de 1.272 persoas redescubrirán a provincia durante o mes de novembro co programa medioambiental Km0, que se suman ás preto de 20.000 que xa participaron na iniciativa coa que a Deputación demostrou que o medio ambiente é a oportunidade económica de Lugo e contribúe a manter uns 3.000 postos de traballo directos e indirectos en distintos sectores económicos. Esta semana, 254 veciños elexirán como destinos das súas rutas a Mariña, a Montaña, a Terra Chá, a zona centro e a Ribeira Sacra.
Precisamente, un grupo de veciños de Guitiriz e outro de Bóveda foron recibidos este martes no Pazo de San Marcos. No primeiro caso, visitaron a oleiría de Bonxe e o Concello de Cospeiro, onde coñeceron o pazo de Sistallo, a lagoa, a Torre de Villajuan de Caldaloba e o museo da prehistoria de Vilalba. Pola súa banda, o grupo da zona sur decantouse por Ribadeo. Neste municipio, fixeron unha travesía marítima pola ría, percorreron o casco histórico e o mosteiro das Clarisas.
O mércores, integrantes da sociedade micolóxica “Lucus” visitarán o Centro de Artesanía e Deseño. A continuación, desprazaranse ata o Concello de Láncara, onde redescubrirán o Pazo, a ponte medieval de Carracedo e o campo da feira de Vilarmosteiro. Tamén farán unha ruta de sendeirismo ata San Facundo. Ese mesmo día, veciños de Sarria viaxarán ata a Mariña logo de visitar a Oleiría de Bonxe. Farán un percorrido polas praias das Catedrais e dos Castros e coñecerán o aeródromo de Villaframil.
Finalmente, o xoves, un grupo da Asociación Seminario de Estudos “Terra de Viveiro” farán a ruta “Os Viñedos”, que se desenvolve pola Ribeira Sacra. Concretamente, visitarán o pobo de Belesar, farán a ruta de sendeirismo ata Pesqueiras e degustarán os produtos da zona na adega Vía Romana. No caso dos integrantes da Asociación Recreativa “As Nocellas” de Oural (Sarria) o itinerario elexido discorre polo municipio de Viveiro. Neste caso, coñecerán o monte de San Roque, a igrexa de Santa María do Campo, o casco histórico e a cerámica Regal.