Ler de cando en vez algún titular de xeito reflexivo dá para moito. Para moito pensar, e logo, se cadra, actuar dentro do que se poda. Mesmo para sorrir ou chorar, segundo o que se elixa de titular e o humor do que estea cadaquén no momento da lectura.
Esta fin de semana, como tantas outras veces, fixen ese exercicio necesario para manterme cun mínimo de información do que nos rodea. Cunhas cantas novas, que hai que informarse de xeito amplo, e en diferentes medios, aínda que os hai que dan máis pé -abondo máis- ca outros. Por exemplo, nun ‘medio gallego escrito en castellano’ que ostenta subvencións ó galego. Foi así como cheguei a un titular anódino que indicaba que o 25 % dos ‘novos galegos’ non ten pais galegos. Non tocaba onte tanto o facer fincapé en que Galicia se está a quedar baleirada for falta de nacementos na nosa terra e pola emigración que non cesa, ou no tentar atopar unha causa económica á falta de nacementos. Onte e nese medio tocaba máis ben a procura de divisións separando os galegos de pura cepa desa troula que non se pode conter (que non se quere?) que nos cae e nos esmaga a nosa identidade, que desvirtúa o noso chamándose galego por moito que o xornal lle chame gallego. Ó fin, o dato significa que nuns anos, a máis da inmigración que chegue ate o daquela, a cuarta parte dos galegos non serán galegos, senón doutros lugares, por vía paterna ou materna. E iso refírese á cuarta parte do que quede, que, escondido entre os datos, e salvo inmigración rampante, pódese ver que será unha cantidade de xente total equivalente á metade da actual. Camareiros ou carpinteiros que vivirán, traballarán, criarán aquí, pero que… non serán de aquí! Un xa non é de onde nace. Tamén aquelo de ‘un non é de onde nace, senón de onde pace’, quedou aparcado. Agora o paradigma é ‘un non é nin de onde nace nin de onde pace, senón de onde viñeron os seus pais’.
Proxectando cara ó futuro, ata pode que teñamos un presidente de Galicia que nin queira o galego nin se sinta demasiado vinculado a Galicia…
Mentres, a integración da xente que chega é, en xeral, unha tarefa pendente da que sobresaen algúns casos particulares de éxito nun gran deserto non xa de fracasos, senón sinxelamente de falta de intentos.
Menos mal que aínda quedamos algúns galegos vellos con oito apelidos galegos (ou así, que nin nos molestamos en contalos).