Alfoz, 1 de decembro, 2024. O sábado, 7 de decembro, ás 12 do mediodía, o escritor Lionel Rexes presentará en Mondoñedo a súa terceira novela, Nove lúas, galardoada co Premio Neira Vilas o pasado ano. O acto terá lugar na Casa da Penela, estabelecemento de turismo rural da parroquia de Vilamor.
O autor estará acompañado polo profesor Bernardo Penabade e o activista pola Memoria Histórica Xosé Luís Fdez. Rivera.
Esta novela, publicada por Edicións Embora no verán, nace da recollida de datos do autor alfocés sobre dúas históricas construcións do barrio de Correlos, lugar da parroquia de Mor no que reside. Alí se conserva un antigo calabozo de presas políticas, onde sufriron presidio a muller e as fillas do mítico guerrilleiro “Gardarríos”, e tamén unha báscula de feira, instalación onde se pesaban as reses antes das transaccións comerciais.
A trama, completamente actual, describe as relacións sociais no ámbito aldeán, os segredos que afloran cando menos se espera e un mundo rural moito máis dinámico do que pode parecer a simple vista.
Desta obra, o xurado do Certame Neira Vilas destacou “unha estrutura narrativa armada ao redor das relacións duns personaxes que deben enfrontar opcións vitais e laborais en contextos de gran dificultade”, sinalando ao mesmo tempo que “a vontade de estilo impregna todo o relato”.