As mariñás sufriron para derrotar a un conxunto catalán no que destacou a gardameta Claudia, que realizou paradas de bela factura
Burela, 30 de novembro, 2024. O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela logrou unha apuradísima vitoria (2-1) ante un AE Les Corts UBAE que ofreceu unha grandísima versión en Vista Alegre e marchouse sen premio grazas a un tanto da burelista Carolina Pedreira cando só restaban oito décimas para a conclusión do choque. Este triunfo permítelle ás mariñás seguir na segunda praza presionando a un Futsi Atlético Navalcarnero que segue dous puntos por encima e ao que visita o vindeiro sábado (La Estación, 11 horas, Teledeporte).
A primeira parte foi moi parella, cun conxunto catalán que realizou unha gran posta de longo e un equipo mariñao que foi de menos a máis ao longo dos 20 minutos, pero só atopándose cómodo durante o tramo final deste primeiro período. A exburelista Luci probou a Ana Eliza no primeiro minuto e logo era Cami a que interviña para sacar baixo paus un remate de Martita que se ía para dentro. Patricia, que chegaba con apuros ao segundo pau e non podía rematar ben, e Cilene, cun disparo desde a distancia, dispoñían das primeiras ocasións para as locais.
Unha vez superado o ecuador do primeiro tempo mellorou ostensiblemente o cadro laranxa, que comezou a dispoñer de boas ocasións para adiantarse, aínda que finalmente non concretaría ningunha delas antes do descanso. Patricia tivo as dúas primeiras, primeiro cun disparo que sacaba en dous tempos Claudia e posteriormente nunha acción na que se ía con moita calidade de Laia e resolvía cun disparo no que volvía aparecer a cancerbeira barcelonesa.
De novo Claudia metía un gran pé abaixo no minuto 14 para enviar a córner un disparo con moito perigo de Emilly. Despois gozaba doutra ocasión Patricia, pero remataba moi desviado. O cadro local incrementaba o seu dominio sobre a meta visitante e aumentáballe o traballo á porteira visitante, que realizaba unha dobre intervención á saída dun córner. En primeira instancia despexaba un gran disparo de lonxe de Antía Pérez e despois o rexeite que lle quedaba a Dany. Antes do descanso probaríao Cilene cun disparo raso ante o que volvía meter un bo pé Claudia e a catalá Laia tiña a última do primeiro período para o seu equipo, pero remataba moi desviado.
O segundo tempo comezou cunha gran ocasión das Pícaras, na que Emilly libre de marca remataba rozando o pau da meta catalá. Con todo, o primeiros dez minutos desta segunda entrega non ofreceron demasiadas opcións para ningún dos dous equipos. Tívoa Martita no 26 para as locais, pero soa na área non era capaz de marcar grazas a unha gran intervención de Caridad. Despois era Claudia a que tiña que empregarse a fondo voando para sacar un gran disparo de Carolina.
As catalás obtiñan o premio ao seu bo partido en Vista Alegre co tanto de Helena no minuto 30, que disparaba de lonxe e o seu tiro coábaselle por baixo das mans a unha Caridad que previamente realizara unha grandísima parada ante Paula Guix. A internacional catalá plantábase soa diante da andaluza e esta tocaba o xusto para enviar a córner.
A reacción do cadro local ao gol visitante foi instantánea, xa que practicamente na seguinte acción poñía as táboas nunha gran triangulación entre Débora, Cilene e Emilly. A pichichi da Primeira Iberdrola FS remataba a pracer, soa no segundo pau, e marcaba o primeiro da noite para as laranxas.
Co 1-1, o partido pasou a ser de clara cor laranxa, xa que as discípulas de Julio Delgado dispuxeron de varias ocasións para anotar o segundo. Primeiro era Dany a que remataba ao corpo de Claudia nun man a man e despois era Cami a que enviaba moi alto o balón.
Con pouco máis de tres minutos por xogarse, Cilene entraba coa camiseta de porteira-xogadora e o gol seguía roldando a portería catalá. Emilly, a un minuto da conclusión, atopábase co pau da portería visitante nun disparo cruzado e era Carolina Pedreira a que, a oito décimas do bocinazo final, remataba a pracer un balón sobre a liña. Con 10 segundos por xogarse, a brasileira recibía de Caridad, encaraba a Luci e marchábase da coruñesa cun gran caneo para cederlle a Patricia, que soa na frontal remataba. Claudia desviaba, pero o balón quedaba franco á internacional portuguesa para levar o delirio ás bancadas de Vista Alegre.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 2-1 AE Les Corts UBAE
Pescados Rubén Burela FS (2): Ana Eliza; Cami, Cilene, Emilly, Patricia -quinteto inicial-, Noelia Montoro, Antía Pérez, Dany, Dinha, Carolina Pedreira, Débora e Caridad (ps).
AE Les Corts UBAE (1): Claudia; Laia, Luci, Martita y Laura -quinteto inicial-, Paula Guix, Laura, Aina, Ona e Helena.
Goles: 0-1, min. 30: Helena. 1-1, min. 31: Emilly. 2-1, min. 40: Carolina Pedreira.
Árbitros: Penabad Canel e Vilas López (Colexio Galego). Amoestaron ás locais Dinha e Antía Pérez.
Incidencias: Encontro da duodécima xornada da Primeira Iberdrola FS feminina disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 700 espectadores.