O prazo de solicitude para a concesión destes postos está aberto ata o día 14 de xaneiro
Viveiro, 29 de novembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro informa de que mañá, sábado 30 de novembro, os postos dispoñibles na Praza de Abastos de Viveiro estarán abertos ao público en horario de 9:00 a 14:00.
“Isto é unha oportunidade única para as persoas emprendedoras interesadas en formar parte da actividade comercial da Praza de Abastos, polo que as animo a achegarse mañá e coñecer de primeira man este espazo clave para o comercio local de Viveiro”, destacou Iria Cotelo, concelleira de Comercio.
Esta xornada permitirá ás persoas interesadas visitar as instalacións, coñecer os espazos dispoñibles, a súa distribución e as condicións relativas aos seus metros cadrados de superficie e prezo do canon anual.
Lémbrase que o prazo para presentar solicitudes para a concesión destes postos, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, está aberto desde o pasado 26 de novembro e finalizará o 14 de xaneiro de 2025.
A concesión de uso privativo terá un prazo inicial dun ano, prorrogable por outro ano sempre que non se inicien as obras de remodelación da praza. Permitirase a venda directa de calquera tipo de produto, sempre e cando se realice atención directa ao público desde o propio posto.
Haberá un total de nove postos dispoñibles para a súa concesión. Para máis información pódese contactar co Concello no número de teléfono 982 560 128 ou no Departamento de Contratación.