Burela, 28 de novembro, 2024. Xebra propón esta semana a proxección dun documental, un roteiro por Viveiro e unha palestra sobre a situación socio-económica da comarca
Proxección no Xebra de ‘Morabeza’, documental sobre a comunidade caboverdiana
Este venres 29, a partir das 20 horas, o centro social Xebra! (Leandro Cucurni, 9, Burela) contará coa presenza de David Mon, o director de ‘Morabeza’. O cineasta, gañador dun Mestre Mateo en 2023, presentará este documental sobre a comunidade caboverdiana na vila mariñá.
O título, que refire o concepto de ‘hospitalidade’ en crioulo, explora os vínculos que se crean nunha convivencia de case cincuenta anos. As primeiras vagas de migrantes nos anos 70, a facilidade idiomática, a acollida por parte da vila… son algúns dos temas que trata a película.
Despois da proxección e coloquio, o centro social e a agrupación xuvenil que organiza o encontro (Mocidade pola Independencia) convidan ao público a ficar un bocado máis celebrar un serán con refrixerios e música.
Roteiro da memoria histórica este sábado en Viveiro
O paseo, guiado polo cronista oficial da vila Carlos Nuevo Cal, comezará ás 10 horas desde a Praza Maior de Viveiro. O guía levará o grupo por un pequeno percorrido no que explorará lugares e datas especialmente importantes na historia da resistencia anti-fascista e represiva da comarca.
A situación socio-económica da comarca, a debate no Xebra
A palestra será o sábado 30 de novembro a partir das 16:30 horas no centro social de Burela
Co gallo das xornadas ‘Organizadas fronte o fascismo’, promovidas desde Mocidade pola Independencia, o centro social Xebra! (Leandro Cucurni 9, Burela) ofrece unha mesa-redonda este sábado ás 16:30 horas sobre a situación social e económica na Mariña.
A actividade contará coa perspectiva do psiquiatra Diego González Peña, do centro de saúde de Burela, a traballadora con mulleres en risco de exclusión social Nilda Borges e o delegado sindical en Alcoa José Manuel Pena Abeijón. Os tres conferenciantes achegarán unha visión integral das coordenadas nas que se move a comunidade mariñá, desde un punto de vista sanitario, social e económico.