Burela, 27 Novembro, 2024. Uns papeis ardendo provocaron que a casa se enchera de fume.
Pouco despois das 16 horas, unha veciña alertou ao 112 Galicia de que saía fume abundante polas fiestras e a porta da planta baixa dun edificio situado na praza de Antonio Garelly, en Burela.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Barreiros, o GES de Cervo e os axentes da Garda Civil.
Unha vez no lugar, os equipos de emerxencias comprobaron que un home permanecía sobre un colchón e que resultara afectado por inhalación de fume. Finalmente, foi trasladado ao Hospital da Costa.
Pola súa banda, os Bombeiros apagaron uns papeis que ardían na cociña da vivenda e que acabaron por enchela de fume. Non houbo maiores danos materiais.