Os deputados Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro comprobaron xunto á portavoz municipal, Eugenia Requeijo, o mal estado da estrada da Gañidoira ao Viveiró que xera moitas queixas dos veciños, igual que a de Silán
Muras, 27 de novembro de 2024. O mal estado das estradas que son competencia da Deputación de Lugo no municipio de Muras é obxecto de queixas continuas que os veciños e veciñas que fan uso destas vías a diario lle trasladan á portavoz do PP de Muras, Eugenia Requeijo. As queixas que máis se repiten son pola estrada de Silán a Ourol (LU-P-6502) ou a da Gañidoira ao Viveiró (LU-P-3402) que se intensificaron trala celebración da Feira do Mel da Montaña polo estado do firme que está desfeito polas marcas dos traballos de extracción da neve que non foron reparados e pola sinalización deficiente.
O portavoz do Grupo Provincial do PP na Deputación, Antonio Ameijide, e o viceportavoz, Demetrio Salgueiro, comprobaron de primeira man o mal estado da vía que ocasiona molestias aos condutores. Os deputados provinciais sinalan que “son habituais as queixas de alcaldes, portavoces e veciños da provincia polo mal estado das estradas da Deputación de Lugo” e, polo tanto, “insistimos unha vez máis en reclamar ao goberno de PSOE e BNG que preside Tomé a reparación do firme das estradas provinciais, a mellora do seu mantemento e a limpeza e reposición da sinalización que sexa necesario para garantir a seguridade”.
Ameijide sinala que “en concellos coma o de Muras, que no inverno sofre as consecuencias das nevadas e xeadas, debe facerse un coidado especial das vías e unha vez pasado o inverno levar a cabo os traballos de reparación do firme que sexan necesarios”. As vías provinciais son empregadas por moitos veciños para o seu día a día. No municipio de Muras conectan entre parroquias e cos municipios veciños e constitúen os principais accesos a explotacións gandeiras e parques eólicos.
MÁIS VÍAS PROVINCIAIS
Pero o mal estado das vías da Deputación no municipio “esténdese a outras moitas carreteras”, segundo confirma Eugenia Requeijo. É o caso da LU-P-6602 entre O Sixto e Muras, onde “fai anos que non se leva a cabo ningún tipo de mellora”. Tamén se atopan en mal estado a LU-P-3804 entre Belesar e O Viveiró, a LU-P-3811 entre a Cruz do Garamallo e Xoán Branco, a LU-P-3405 dende As Louseiras a Mouriscón, a LU-P-3403 de Casateita a Portonovo co firme estropeado pola maquinaria quitaneves e sen ningún tipo de mantemento na que “fai pouco o único que fixeron foi tapar buratos con cubos de aglomerado en frío en pleno inverno”.
A LU-P-3406, de Irixoa á Balsa, presenta un firme irregular froito do desgaste e o paso do tempo sen ser obxecto de ningunha mellora; “a pesar de comunicar cun dos núcleos de maior poboación do municipio”.
A portavoz do PP local condena que “o alcalde de Muras decidira gastar na renovación de dúas prazas -a de Muras e a do Viveiró- preto de 1M€ de diñeiro da Deputación de Lugo en lugar de esixir ao goberno provincial o arranxo das estradas provinciais que usan a diario os veciños e veciñas e que están en mal estado”.
AMIGUETES DE TOMÉ
Á vista do mal estado das vías provinciais e das demandas dos veciños e veciñas, o portavoz do PP na Deputación cre que “non chega con que o alcalde sexa dunha das cores políticas do goberno provincial, senón que é preciso ser amiguete do círculo de confianza de Tomé ou tampouco arranxan as estradas dese concello”.