A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, trasladoulle persoalmente a necesidade de actuar sobre o firme da estrada provincial ao presidente da Deputación
Vilalba, 26 de novembro de 2024. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, visitou no día de hoxe o tramo da estrada LU-P-0106 que discorre pola parroquia de Corvelle logo de que a Deputación de Lugo anunciase o arranxo do firme da mesma.
En concreto as obras da estrada centraranse nos primeiros 600 metros, pertencentes ao Concello de Abadín, e o tramo comprendido entre os quilómetros 2,920 e 6,043. Neste último tramo aproximadamente 500 metros de estrada discorren pola parroquia de Corvelle, polo que o Concello de Vilalba será beneficiario directo da actuación da Deputación de Lugo sobre a estrada de titularidade provincial.
“Os veciños da contorna fixéronme saber o estado de deterioro que presentaba o firme e persoalmente trasladeille ao presidente da Deputación, José Tomé, a necesidade de actuar sobre esta estrada, fundamental na conexión con outras parroquias vilalbesas, como Carballido, e co municipio de Abadín”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Nesa liña, a rexedora vilalbesa, acompañada polos concelleiros Luis Fernández e Ignacio Criado, visitou no día de hoxe o tramo de estrada que discorre polo municipio vilalbés e que será rexenerado grazas ao compromiso da Deputación de Lugo co Concello de Vilalba.
Ademais, Marta Rouco, xustificou a importancia da actuación “porque se trata dunha estrada provincial que conecta a vía autonómica LU-113, que vai de Rozas a Abadín, coa Nacional 634” e, polo tanto, “unha vía que comunica aos veciños e veciñas do noso concello con Abadín e cos accesos á estrada nacional que conduce ao noso casco urbano dende a parroquia de Corvelle”.