A formación nacionalista volveu esixir a intervención pública con participación da Xunta e do Estado cunha emenda rexeitada polo Partido Popular
Lugo, 26 de novembro de 2024. O Partido Popular rexeitou no pleno provincial deste martes unha emenda do BNG para reclamar a intervención pública da factoría de San Cibrao por parte da Xunta e do Goberno do Estado.
A formación nacionalista criticou o posicionamento dos deputados populares -entre eles, o do viceportavoz e alcalde de Xove Demetrio Salgueiro – que se desmarcaron así dos os acordos adoptados no Parlamento e no Congreso -a última vez, en marzo pasado- nun momento crítico para o futuro da factoría da Mariña.
No debate da proposta, a portavoz do grupo provincial Iria Castro acusou aos populares de poñer “as súas urxencias partidarias” por riba dos intereses dos traballadores e traballadoras de Alcoa e das auxiliares.
“A urxencia que teñen os traballadores e traballadoras de Alcoa e a comarca de A Mariña non se resolve repetindo a moción do ano pasado nin con fotos do señor Ameijide coa alcaldesa de Cervo e co alcalde de Xove . Esa urxencia e eses problemas poden empezar a resolverse se se executan os acordos tomados por unanimidade no Congreso e no Parlamento de Galiza a instancias do BNG, entre os que está a intervención de Alcoa coa participación da Xunta e do Estado ”, dixo Iria Castro.
A portavoz nacionalista recordou que a intervención é unha proposta avalada polos traballadores e traballadoras nas innumerables mobilizacións que teñen levado a cabo nos últimos anos -a última o pasado sábado-, xunto a outras demandas, como a rebaixa do prezo da enerxía para a industria, que tamén contemplaba a emenda rexeitada polo PP.
O grupo nacionalista refrendou no pleno provincial o seu compromiso coa continuidade da actividade produtiva e do emprego en Alcoa e nas auxiliares, emendando os orzamentos da Xunta de Galicia e do Estado para que se contemplen partidas para a participación das dúas administracións na intervención pública da factoría.