O Concello conmemorará o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a través do programa “Libres e iguais: cada día máis fortes”
Alfoz, 22 de novembro de 2024. O Concello de Alfoz presenta o seu programa de actividades para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, baixo o lema “Libres e iguais: cada día máis fortes”. Este lema reflicte o compromiso do municipio coa loita contra esta problemática, promovendo a igualdade e a seguridade para todas as mulleres.
Entre as accións previstas, destaca a iluminación da casa do concello en cor violeta durante a semana do 25N, como símbolo de rexeitamento a esta lacra social e apoio ás vítimas. Tamén se realizarán actividades de concienciación nos centros educativos do municipio, tanto no CEIP coma no IES, coa iniciativa “As mulleres que nos constrúen”, que se desenvolverá ao longo do curso escolar.
Como parte do programa, o concello entregará portabocadillos co lema da campaña aos mozos e mozas nacidos entre 1999 e 2021, fomentando así a conciencia e o compromiso da xuventude na loita contra a violencia de xénero. Ademais, en xaneiro, o Castelo de Alfoz acollerá a exposición “Á violencia de xénero dille non”, aberta á cidadanía.
Estas actividades contan cunha financiación que inclúe fondos propios do Concello de Alfoz, así como achegas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e da Consellería de Política Social e Igualdade. Desde a Concellería de Igualdade subliñan: “Esta conmemoración débese traballar no día a día, por iso este ano programáronse máis actividades durante o ano académico, para consolidar o cambio cultural necesario e construír unha sociedade máis xusta e libre”.
O Concello engade: “Para nós, é prioritario ofrecer un Alfoz seguro e igualitario onde todas as persoas se sintan protexidas e valoradas. Esta programación é un paso máis no camiño cara á igualdade real e contra calquera forma de violencia”.