Ribadeo, 22 de novembro, 2024. Esta noite do xoves 21 de novembro, e despois de termos asistido ao espectáculo da natureza a xeito de xistrada (quen sabe se ambientando varias das pasaxes da novela “O gran triángulo”), escoitamos a interesante charla impartida polo profesor e veciño de Ribadeo, Francisco Díaz-Fierros Viqueira sobre a figura do matemático e astrónomo Xosé Rodríguez González.
El é o protagonista principal da novela que convocou nesta tarde outonal. Ao abeiro dos andeis da Biblioteca Municipal “El Viejo Pancho” escoitouse ao autor amosando as claves dunha novela que ten un claro interese divulgador da actividade científica. A medición do gran triángulo encadrábase na necesidade de constatar a definición do que é un “metro”: había que mostrar a súa equivalencia coa dez millonésima parte da distancia dun cuarto de meridiano, ou sexa, a distancia que hai entre o ecuador e o polo norte.
Velaquí a grande aventura que protagonizaron Xosé Rodríguez, Jean Baptiste Biot e François Arago percorrendo as illas Pitiusas (Eivisa e Formentera): continuar desenvolvendo a medición do meridiano que baixa de París a Barcelona, mediante a técnica da triangulación, prolongando dita medición ate as Illas Baleares.
Intriga, motivada pola situación política do momento; perseveranza, fronte ás inclemencias do tempo, e actitudes ben próximas á heroicidade, conforman o fío argumental desta interesante novela.
Por certo, cada vez que un se achegue dar unha volta até a Illa Pancha e vexan o punto xeodésico que hai á beira do miradoiro, ben pode lembrar “O gran triángulo”: puntos coma ese son os que se tomaban como referencia para confeccionar os mapas e calcular a extensión de cada territorio.
A A.C. Francisco Lanza segue a facer divulgación científica en galego. “Unha mágoa que se siga a considerar que nas aulas mellor ensinar a ciencia en castelán. Haberá que seguir traballando para que mude a situación”.