O Proxecto Experimental de Formación Profesional Dual de Celeiro incorporará software de simulación pesqueira doado desde a OPP77 e o Grupo Arbulu
Celeiro, 20 de novembro de 2024. A través do Convenio entre o Grupo Arbulu e Porto de Celeiro-OPP77 vaise financiar, cun valor de 11.414,80€, a adquisición de software especializado para o ciclo de pesca do IES María Sarmiento de Viveiro da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Esta tecnoloxía permitirá simular as principais operacións pesqueiras aos alumnos de ciclos formativo de “Navegación e Pesca de Litoral” de Formación Profesional Dual de Celeiro e completará o importante investimento realizado pola Consellería coa adquisición recente dun potente simulador de Navegación.
A instalación da tecnoloxía realizarase en 2024 para a súa incorporación á formación da primeira promoción de patróns de litoral que terminarán os seus estudos en 2025.
Porto de Celeiro e a Consellería xa iniciaron os contactos para comezar un novo proxecto de FP Dual en setembro do 2025 cuns 15 alumnos. Os alumnos cursarán os dous cursos académicos de duración do ciclo formativo alternando nun 50% de tempo a formación no centro educativo, e outro 50% de formación remunerada embarcados nun dos 24 barcos de pesca de Celeiro que faenan en Gran Sol.
Acto durante as Xornadas de pesca de Celeiro 2024
O venres 22 ás 11:00h realizarase a firma do acordo de doazón por representantes do Grupo Arbulu e da OPP77 e en presenza de Mª Eugenia Fernández Perez – Directora Xeral de Formación Profesional Xunta de Galicia.