José Tomé Roca presentou o presuposto da Deputación, que sube preto do 12% con respecto ao 2025 grazas aos fondos do Estado, e que será sometido a debate e aprobación do Pleno o vindeiro martes e poida entrar en vigor a principios de ano
Lugo, 19 de novembro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, valorou este martes que os Orzamentos da institución provincial para o ano 2025, que superan os 130M€, “servirán para reforzar o noso proxecto de progreso social e económico para a provincia”. Así o destacou na rolda de prensa de presentación dos presupostos, que tivo lugar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos xunto ao Vicepresidente, Efrén Castro, a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Carmela López, a Deputada de Réxime Interno, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro Fernández.
Concretamente, o Orzamento consolidado –da propia Deputación e do Consorcio, que a entidade provincial financia ao 50%- ascende a 130.402.892,23€, o que representa unha subida dun 11,93% con respecto ao deste ano, grazas ao incremento dos fondos do Estado.
José Tomé explicou que “o noso proxecto está centrado en achegar os servizos públicos a todos os veciños e veciñas da provincia e tamén en promover a actividade económica. Dous factores que son esenciais para contribuír a fixar poboación”. E informou que o vindeiro martes, 26 de novembro, serán sometidos a debate e aprobación do Pleno para que poidan entrar en vigor, “coma sempre desde que eu son Presidente”, a primeiros de ano, “porque é a maneira de que sexan verdadeiramente útiles”.
Uns orzamentos que, segundo valorou, continúan sendo “sociais, investidores e claramente expansivos”, porque suben o capítulo de investimentos reais en case un 16% -pasando dos 16,5M€ deste ano aos máis de 19,14M€ do 2025-, e o de Transferencias Correntes en preto dun 14%, ata os 17,8M€. E fixo fincapé en que o ano pasado “executamos máis do 87% do Orzamento de gasto, un nivel que nos sitúa á cabeza das administracións locais de toda España”.
Reforzo da rede de protección social
“No ano 2025 reforzamos o peso específico das políticas sociais”, sinalou O Presidente, que destacou un incremento de 3,2M€ respecto ao 2024 para acadar un investimento de 41,2M€. Unha cantidade que representa “practicamente un terzo do total do Orzamento”, incidindo na idea de que as políticas sociais “nos definen como Goberno e son un sinal de identidade desta Deputación”.
Explicou que 11M€ irán destinados aos Centros de Atención a Maiores. “Para manter as 9 residencias que temos en servizo -en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil- e para continuar avanzando nos proxectos que como institución temos con outros 9 concellos”. Nese sentido sinalou que “traballamos co compromiso de abrir neste mandato as residencias de Becerreá, Guitiriz e da Pontenova, que agora mesmo están en obras e tamén está en marcha a construción do centro da Pobra do Brollón”. Ademais, destacou que a Deputación continúa traballando nos proxectos de Ourol, Cervantes, Pantón, Portomarín e Folgoso do Courel. E lamentou que todo o estea a facer a institución provincial, “sen apoio da Xunta de Galicia que é quen ten as competencias e tamén os recursos”. Puxo en valor que as residencias en marcha atenden a 300 persoas e crean en torno a 230 postos de traballo directos.
A maiores, a Deputación continuará financiando cunha achega de entorno a 3,4M€ o Servizo de Axuda no Fogar dos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes –todos menos a capital- e o servizo de teleasistencia domiciliaria as 24 horas. Ademais, a Deputación dedicará en torno a 1,3M€ ao tecido social vinculado co terceiro sector, que traballan contra a pobreza e a exclusión social.
O Presidente detallou que as políticas de emprego contarán no 2025 con 4M€, co obxectivo de favorecer a contratación e mellorar a empregabilidade a través da formación. E as partidas destinadas a financiar o ensino público contarán con preto de 3M€; un investimento que serve para manter o funcionamento do Centro de Formación Audiovisual da Deputación –o único público desta rama que hai na provincia- e tamén para continuar sendo a institución provincial que máis recursos aporta á Universidade pública.
Un 21% dos fondos para mobilidade
A mellora da mobilidade centra outro dos grandes piares dos Orzamentos para o ano 2025, “e por iso destinaremos ás estradas máis do 21% do total do presuposto”. Incrementaremos, ata os 27,31M€ as partidas de obra nova, conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil”, o que segundo explicou Tomé Roca, “suporá subir estes apartados en máis dun 42% respecto ao 2024, cando destinamos 19,4M€”. E destacou que no momento en que chegou á Presidencia da Deputación, no 2019 “as partidas para estradas sumaban algo máis de 14M€, polo que estamos falando de que en apenas 6 anos duplicamos o investimento”.
Fixo referencia ao enorme reto que ten a Deputación en materia de estradas, “coa rede provincial máis extensa de todo o Estado español, con 4.217 quilómetros” e a importancia que teñen unhas boas comunicacións para o equilibrio territorial. “E sigo reivindicando, porque me parece de xustiza, que a Xunta de Galicia asuma a titularidade de vías con características claramente autonómicas, como a que une Momán, no concello de Xermade, e As Pontes, ou o cinto comarcal de Lugo”.
22M€ para os concellos a través do Plan Deputación
A cooperación cos concellos “seguirá vertebrando toda a acción de Goberno, porque case todo o que facemos é cooperación cos concellos. De feito, temos acuñado que a Deputación é Concello dos concellos porque é a mellor forma de ser útiles á cidadanía”, resaltou José Tomé. Explicou que no ano 2025, a Deputación destinará máis do 20% do Orzamento á cooperación cos concellos, “xa só ao Plan Deputación destinaremos 22M€”, que se repartirán “seguindo criterios públicos e obxectivos, iguais para todos, e cun respecto total á autonomía municipal”. “E mentres, o Goberno galego segue sen ter un plan destas características”, sinalando que a iniciativa máis parecida da Xunta, o Fondo de Cooperación Local, supón o 1,1% do total do seu Orzamento.
Recordou que a Deputación tamén coopera cos Concellos con outras actuacións como o proxecto Impulsa TIC, “a punto de completarse”. Unha liña dotada con 4,5M€ de fondos europeos, e grazas ao que a Deputación proporciona de maneira gratuíta servizos e equipamentos tecnolóxicos aos 52 concellos que decidiron adherirse para avanzar na transformación dixital da administración. Tamén lembrou que a Deputación aforra miles de euros aos concellos prestándolles asistencia técnica cando así o requiren.
Máis peso para os sectores produtivos e unha granxa de Porco Celta
O apoio da Deputación aos sectores produtivos increméntase en case un 19% respecto ao 2024. As partidas destinadas no Orzamento 2025 ás actividades estratéxicas na economía e no emprego, como o sector primario, o comercio, a hostalaría e o turismo suman 13,4M€.
No caso do sector primario, a Granxa Gayoso Castro, referencia en políticas públicas de apoio á gandería, conta cun orzamento de máis de 2M€. E segundo recordou o Presidente, “para o próximo ano impulsaremos a construción dunha granxa de Porco Celta na finca Gayoso Castro cun investimento superior ao millón de euros”. O obxectivo será “recuperar” esta raza autóctona e a “transferencia do coñecemento como axuda ao sector”.
Sinalou ademais que esta nova dotación creará novas oportunidades formativas no Campus Terra para os Graos en Veterinaria e Enxeñería Agrónoma, “ofrecendo espazos modernos para a formación e a innovación e axudando á Facultade de Veterinaria a superar a avaliación que vai ter o próximo ano, para que se manteña nas primeiras do mundo do ránking de Shangai”.
As accións vinculadas co turismo contarán con 3,3M€ “coas que seguiremos traballando para consolidar o noso modelo de turismo. Un turismo de calidade, sostible e de experiencias que achegue valor ao territorio”. Nese sentido, destacou “o bo ritmo” das obras do Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, “que será o vindeiro ano unha realidade e que estará acabado antes do verán”. Tamén anunciou que potenciará o programa Lugo Termal con máis prazas, pasando das 1.300 ás 1.700 e coa posibilidade de ampliar un 20% máis, “co que superaríamos as 2.000”; as visitas gratuítas da cuarta edición do Coñece a túa provincia; e as rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que superaron este ano o récord con 61.000 viaxeiros e contarán cun orzamento de máis de 925.000€.
Por último, os recursos vinculados coa área de Medio Ambiente -que suman 3,8M€- servirán para a posta en valor do patrimonio natural da provincia, e, ao mesmo tempo, impulsar toda esa riqueza como unha oportunidade de desenvolvemento da provincia. E neste sentido lembrou que a Deputación xestiona as reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares Lucense.